Gran
éxito do encontro “Orgullo de Unitarias”:
Reflexión
académica e comunitaria sobre o valor da escola unitaria rural.
A escola unitaria de Taboexa (As Neves) foi escenario este sábado do atopo “Orgullo de Unitarias”, unha xornada de análise e visibilización do valor das escolas unitarias rurais no sistema educativo actual. O evento, organizado polas
familias do centro e a súa mestra responsable, Karina Mouriño, superou todas as expectativas de asistencia, reunindo a docentes, investigadores e membros da comunidade para debater sobre o presente e o futuro deste modelo educativo.O encontro permitiu articular un diálogo entre a investigación en pedagoxía e a práctica educativa. Na intervención de apertura, David Neira, investigador en pedagoxía e desenvolvemento comunitario, abordou o papel das escolas comunitarias como espazos de ensino personalizado cunha forte vinculación co territorio e a comunidade, unha ferramenta para o desenvolvemento local e a rexeneración do tecido social en áreas rurais. Parte do seu relatorio centrouse no seu traballo de campo na escola unitaria de Taboexa, o CEIP Ledicia (Ferrol) e o IES de Soutomaior (comarca de Vigo), ademais de mencionar experiencias consolidadas de escolas comunitarias en Estados Unidos, Zambia e Irlanda.
A continuación, Karina Mouriño presentou un relatorio sobre a importancia do xogo libre e movemento en Educación Infantil. Coa súa intervención abriu unha reflexión sobre o papel da etapa escolar 3-6 anos, cuestionou a tendencia para ver esta etapa unicamente desde a perspectiva dos contidos académicos, propoñendo no seu lugar un enfoque centrado especialmente no benestar emocional e físico de nenos e nenas, nas oportunidades de exploración e socialización, e na conciliación familiar.
Os asistentes puideron ver como se concreta esta visión nun vídeo realizado pola fotógrafa Silvia Peña. Pola súa banda Patricia Iglesias, mestra responsable da escola unitaria de Rubiós (As Neves), centrou o seu relatorio no valor pedagóxico do multigrao, destacando como esta estrutura multi-idade favorece a aprendizaxe colaborativa, as relacións sociais, a autonomía, os procesos de adaptación e o sentido de responsabilidade.
O coloquio posterior, moderado pola poeta Mar Míguez e aberto á participación do público, contou tamén coa intervención doutras figuras do ámbito educativo e comunitario, como Sabela Lahuerta, mestra da xa pechada escola unitaria de Vide (As Neves), José Manuel Alfonso, alcalde das Neves, e Óscar González, presidente da Comunidade de Montes de Taboexa, entidade que colabora coa escola de Taboexa facilitando as súas actividades de monte-escola. A conversación virou ao redor dos desafíos que enfrontan as unitarias, como os cambios demográficos, o descoñecemento deste modelo dentro da propia comunidade de docentes e a escasa consideración do seu valor dentro das políticas educativas actuais. Subliñouse a necesidade de desenvolver estratexias para a súa continuidade, incluíndo a xeración de políticas públicas adaptadas á súa especificidade, a creación de redes de colaboración entre escolas e o fortalecemento do vínculo coa comunidade como axente activo na vida escolar.
Ao expor un dos asistentes o risco de peche da escola de Taboexa por falta de novas matrículas para o próximo curso —en Galicia pechan da orde de 10 unitarias ao ano por baixa matrícula—, o alcalde trasladou o compromiso do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, de mantela aberta o curso 2025-26.
Desde o público, destacaron as intervencións dos académicos Germán Vargas e Carmen Morán de Castro, do SEPA-Interea (Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental) da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos os investigadores insistiron no incalculable valor humano deste tipo de experiencias educativas e ofreceron unha visión crítica sobre o impacto da desaparición destes espazos nun contexto global no que a educación se está convertendo nun produto estandarizado, desconectado do lugar e da memoria comunitaria e marcado pola dixitalización acrítica.
A cineasta Andrea Zapata-Girau presentou un proxecto audiovisual en fase inicial co que busca documentar a riqueza pedagóxica e o arraigamento social das escolas unitarias, con vistas a construír un arquivo destas experiencias que contribúa ao recoñecemento deste modelo dentro do debate educativo e cultural.
A xornada concluíu cunha lectura poética de Mar Míguez, seguida dun espazo de conversación informal entre os asistentes, que foron agasallados cunha merenda elaborado polas familias da escola.
O éxito do evento pon de manifesto a importancia de continuar promovendo este modelo de escola, e os seus organizadores anunciaron a intención de que o encontro rote por diferentes unitarias galegas nas seguintes edicións co obxectivo de fortalecer a súa visibilidade, consolidar redes de apoio e articular propostas concretas para a súa continuidade dentro do sistema educativo.
“Orgullo de Unitarias” serviu para poñer de relevo que hoxe as escolas unitarias, ademais de espazos de innovación pedagóxica, son espazos de memoria e arraigamento comunitario e de resistencia perante as lóxicas de homoxeneización educativa que predominan no discurso global, onde con frecuencia a educación parece estar afastada da vida no canto de brotar dela.
Fotos de Andreda Zapata-Girau,
arriba: De der. a izq.: Karina Mouriño, David Neira, Óscar González, Sabela Lahuerta, Patricia Iglesias e José Manuel Alfonso durante o coloquio do encontro.
Abaixo: diferentes momentos do encontro
Ningún comentario:
Publicar un comentario