PXA Programación Xeral Anual


 Programación Xeral Anual

EEI Taboexa, curso 2026/2027

responsable:  Karina Mouriño Espiñeira

Aprobada polo Consello Escolar o 1 de Outubro de 2026


Presentación. O Marco: PEC e CC

 

Esta programación, detalla a planificación da actuación educativa da EEI Taboexa para o curso 2026/2027 integrando:

  • As disposicións legais que sobre materia educativa establecen as Administracións Públicas

Decreto 374/1996  (regulamento orgánico),

Orde do 22 de xullo de 1997 (concreción do anterior),

Decreto 150/2022, de 8 de septiembre, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidad Autónoma de Galicia

Decreto 79/2010 (plurilinguismo),

Orde do 5 maio 1993 (avaliación)

Decreto 8/2015 de convivencia

Orde do 30 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil

  • As características do grupo e a súa contorna

8 alumnos/as: 3 nenas e 5 nenos de 3, 4 e 5 anos, residentes maioritariamente en zona rural de entorno socioeconómico medio e lingua ambiental o galego.

  • A  particular forma de entender o recurso escolar por parte da responsable:

A escolarización na etapa infantil é a oportuna resposta do Estado perante a necesidade da sociedade de conciliar o tempo laboral co tempo familiar, ao tempo que cubre as necesidades de socialización entre iguais das crianzas preescolares. Na escola infantil dispomos as condicións materiais e o apoio profesional para que a crianza medre nun ambiente seguro, amable e propiciatorio para o seu desenvolvemento integral como persoa e como cidadán/á, e para que se familiarice coa vida escolar e desenvolva as aprendizaxes propias do seu momento evolutivo.

Cada momento, cada situación, cada interrelación e cada actividade está cargada de mensaxes e aprendizaxes para as crianzas, por iso a EEI Taboexa considera que todo o que acontece na escola é un feito educativo, por tanto obxecto de reflexión, análise e xustificación.

 

Esta programación é a concreción para este curso das ideas expostas no PROXECTO EDUCATIVO DE CENTRO (PEC), -documento á disposición da Comunidade Educativa no noso blog: recadosdamoura.blogspot.com, e en formato físico na Escola- e establece a estratexia educativa do centro, conforme ás condicións físicas do mesmo, a súa inserción na comunidade e a súa filosofía pedagóxica.

 

Calendario Escolar e horario de Centro

 

O Centro permanece aberto de luns a venres de 8.45 a 14.15 e os mércores de 15.00 a 17.00.

O horario lectivo é de luns a venres segundo calendario escolar de 9.00 a 14.00.

A responsable estará dispoñible para atención a familias, de luns a venres ás 08.30 (agás  xoves) e ás 14.00, os xoves de 10.00 a 10.30, e os mércores de 15.00 a 17.00.

O calendario escolar é o establecido pola administración educativa téndose solicitado como non lectivos o 13 de Outubro de 2026 e o 14 de Maio de 2027.

 

Consello Escolar e cadro de organización docente

 

O Consello Escolar está constituído, segundo a lexislación vixente pola presidenta do mesmo -a responsable do Centro-, Karina Mouriño Espiñeira, a representante do Concello de As Neves Susana Gil e a representante das familias, Andrea Zapata-Girau.

O Consello Escolar reúnese 3 veces ao ano de xeito ordinario para aprobar (se cabe) esta PXA, a relación de gastos e a memoria do curso, respectivamente. Amais reunirase tantas veces como sexa preciso.

Este curso 2026/2027 exercerán a docencia na escola, a responsable de centro e titora, Karina Mouriño, especialista en Educación Infantil,o especialista en Audición e Linguaxe, Pablo Chacón Docampo, que impartirá tamén Inglés, e Raquel Rodriguez Fernandez como Orientadora.

A titora permanece todas as horas lectivas no centro (agás os xoves de 9.00 a 10.40, horas de libre disposición)  e con función docente. Amais, permanece no centro até o total legal de 28 horas.

 

Obxectivos

 

Este curso académico temos como obxectivo máis apremiante, aumentar a matrícula, ao mesmo tempo é intención da responsable do Centro, afianzar as relacións coa comunidade, e, por suposto, mellorar a atención ao alumnado.

Cara ao alumando os obxectivos son:

·         Asegurar a integridade e seguridade física, psíquica e emocional do alumnado

·         Acompañar, dispor as condicións e ofrecer a axuda necesaria para o desenvolvemento das competencias básicas e dos seus trazos persoais.

·         Ofrecer modelos positivos ao alumnado ao respecto de cuestións éticas, de saúde, coidado persoal, relación cos demais, coidado do medio, non violencia, igualdade de xénero, etc...

No marco da lexislación vixente e no estrito respecto ao momento evolutivo do alumnado, concrétanse aquí as ideas que dirixirán a práctica educativa :

·           Desenvolver autonomía nas actividades habituais

·         Avanzar na seguridade afectiva e emocional e na autoconfianza. O autocoñecemento e a autoaceptación como base para o desenvolvemento saudábel da persoa.

·         Desenvolver actitudes de respecto por un propio, polos demais, e por todos os seres vivos, adquirindo destrezas que lle permitan á crianza incorporarse ao mundo natural e social no que viven como cidadanía activa e responsable aprendendo a resolver conflitos asertivamente.

·         Desenvolver estratexias de resolución de problemas adquirindo hábitos de esforzo e perseveranza,

·         Utilizar a linguaxe verbal de forma axustada a diferentes situacións de comunicación para comprender e ser comprendidos/as nun ton de respecto e coidado.

·         Familiarizarse coa linguaxe escrita e cos códigos da lóxica matemática, así como coas técnicas de tratamento da información

·         Familiarizarse coas rutinas e actividades escolares preparando actitudes e aptitudes cara a etapa escolar propiamente dita.

·         Avanzar nas capacidades intelectuais de conceptualización e razoamento na procura do posicionamento responsable ante situacións reais, impulsando o nacemento da emancipación persoal.

·         Control do corpo, os seus movementos e o seu coidado .

·         Enriquecer e diversificar a libre expresión da creatividade mediante a utilización dos recursos da contorna, así como apreciar diferentes manifestacións artísticas propias da súa idade   

·         Desenvolver unha actitude de aprecio e identificación cara as manifestacións culturais e artísticas propias e alleas.

·         Preservar as actitudes de curiosidade e respecto pola contorna natural e social

 

Estratexias didácticas e ppios metodolóxicos

 

O desenvolvemento e a aprendizaxe humanos son basicamente parte dunha actividade construtiva persoal que a profesora acompaña, orienta e impulsa baseándose en:

Principio de consistencia evolutiva. O que unha persoa é quen de facer e aprender nun momento determinado depende do seu nivel de desenvolvemento e do conxunto de ideas  e representacións previas: coñecementos, actitudes, expectativas e motivacións que construíu nas súas experiencias.

Principio de actividade autoestruturante. A través do movemento e o xogo -necesidade evolutiva da crianza- experimentan, exploran e descobren propiedades, relacións...constrúen os seus esquemas de coñecemento e  estimulan a creatividade .

Aprendizaxe significativa. Un aspecto da realidade que ata o momento non percibiramos, comeza a cobrar sentido a partir das relacións que, motivados, somos capaces de establecer co que xa sabemos, é dicir, cos esquemas de coñecemento cos que xa contamos.

 

A concepción construtivista, aplicada á Etapa Infantil, e en función do modelo social que se pretende propiciar, supón implicacións prácticas:

Globalización. Os nenos/as pequenos/as perciben, pensan e actúan de forma integral, por iso unha metodoloxía globalizadora facilitará aprendizaxes significativas. Así se concretará esta programación: ao redor dun centro de interese motivador (Proxecto de Traballo),  dunha incidencia inesperada, ou calquera asunto que sexa do interese do grupo, integrándose as diferentes actividades de  ensino/aprendizaxe interconectadas.

Principio de individualización. O tratamento educativo da diversidade rexeita un método único para todos, porque a verdadeira individualización consiste en adaptar os métodos de ensino e o tipo de axuda pedagóxica ás características do neno/a e ás súas necesidades, ao seu momento evolutivo, intereses e estilo de aprendizaxe. Incidindo na autonomía das crianzas e cunha boa programación, nun grupo pequeno é perfectamente factible.

Principio de afectividade e socialización. Preténdese potenciar no neno/a desenvolvemento dunha afectividade sa e positiva que o leve a aceptarse e valorarse a el mesmo e propicie relacións sociais de empatía e colaboración. 

Aprender a pensar e Aprender a aprender na busca da autonomía. O alumno/a desenvolverá habilidades de pensamento que o leven a buscar e construír o seu propio coñecemento. A partir da orientación do mestre/e e interrelación cos compañeiros/as, o alumno/a dispón as condicións para que, cando o seu momento evolutivo o permita, será quen de rexerse polos seus propios criterios.

En busca dunha sociedade democrática. Os alumnos de E. Infantil de hoxe configurarán a  cidadanía de mañá, e toparán unha contemporaneidade que, se cadra, nos é difícil prever, por iso é importante que adquiran espírito crítico para facer unha análise permanente do que sucede e valorar posibles respostas. Non se pode agardar á  “maioría de idade”; desde ben cedo débese colaborar no desenvolvemento dunha sociedade democrática creando ambientes abertos á participación e o debate, e propiciando prácticas que privilexien o exercicio da convivencia. As normas e límites definidos, comprendidos e aceptados entre todos/as e as habilidades sociais axudarannos neste cometido.

Valoración do esforzo e o autocontrol. Nun contexto social onde a comodidade, o pracer, a satisfacción inmediata de desexos e a facilidade imperan na nosa sociedade, a valoración do esforzo e o autocontrol en función dunha meta será un obxectivo a traballar co alumnado, naturalmente dentro do respecto polo seu estadio evolutivo.

Apego e valoración da cultura galega.  Valorar a as nosas características identitarias favorecerá que apreciemos e respectemos as outras culturas e aceptemos a multiculturalidade en que, cada vez máis, estamos inmersos. Isto axudaranos a medrar como colectivo e como individuos.

 

Os últimos estudios científicos relacionados co mundo educativo coordinan a visión da psicoloxía (estudio da conduta humana e o seu sustrato biolóxico) a pedagoxía (o estudio dos procesos de ensino-aprendizaxe) e a neurociencia (o estudio do cerebro e o seu funcionamento propiciado polo avance nas técnicas de imaxe da actividade cerebral) e danse en denominar neuroeducación. A neuroeducación móstranos que para darse o proceso de aprendizaxe ten que existir unha estrutura fisiolóxica competente , unha disposición emocional positiva e un método eficaz que atenda aos dous requisitos anteriores.

A estrutura fisiolóxica ven marcada, non solo pola idade senón tamèn polo ritmo de maduración de cada persoa, e è por iso que a agrupación en multigrao é un valioso recurso que nos permite flexibilizar a actuación educativa e que todo o alumnado se sinta incluído sen ser estigmatizado por razón da súa idade. É fundamental, sobre todo na primeira etapa da escolarización, respectar os ritmos madurativos de cada alumno/a e así aproveitar todo o potencial de aprendizaxe sen menoscabar a motivación, o tesón, a confianza e a autoestima.

A motivación na etapa infantil está dispoñible, pois o alumnado de infantil mostra de forma patente interese por aprender todo ao seu redor. Basta unha mínima sensibilidade e observación para captar o seu interese.

Cun método que respecte o momento evolutivo da crianza e estea baseado na observación da forma en que os nenos e nenas aprenden, seremos quen de axudar ao desenvolvemento de todos as estruturas fisiolóxicas  que interveñen nos procesos de aprendizaxe. Trátase de mirar a infancia con respecto, admiración e confianza.

           

Competencias básicas

Competencia é a capacidade dunha persoa de desenvolver habilidades en contextos e situacións cotiás, nas que son precisos coñecementos vinculados a diferentes saberes, e por tanto transversais. Ser competente implica comprender as situacións, reflexionar sobre o que está a pasar, discernir sobre a mellor acción a desenvolver de acordo coa dimensión social de cada situación e executar fisicamente a resposta.

O termo competencia inclúe tanto os saberes (coñecementos teóricos) como as habilidades (coñecementos prácticos ou aplicativos) e as actitudes (compromisos persoais). O termo vai máis alá do saber e do saber facer, porque inclúe tamén o saber ser ou estar e o saber aprender. Trátase de aprender a ser e actuar de modo autónomo, aprender a pensar e comunicar, aprender a descubrir e ter iniciativa e aprender a convivir e habitar no mundo.

O currículo  establece as competencias básicas:

a) Competencia en comunicación lingüística (CCL).

b) Competencia plurilingüe (CP).

c) Competencia matemática y competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñería (STEM).

d) Competencia dixital (CD).

e) Competencia persoal, social y de aprender a aprender (CPSAA).

f) Competencia Ciudadana (CC).

g) Competencia emprendedora (CE).

h) Competencia en conciencia y expresión culturais (CCEC).

 

Para promover as competencias básicas, considérase importante, non só o traballo na aula, senón que tamén se ten moi en conta as relacións persoais que se establecen, a propia comunicación entre todos os membros da comunidade educativa e a relación coa contorna. Todo xunto, co día a día nos Centro, contribúe a que o alumnado poida adquirir as denominadas competencias básicas.

 

Atención á diversidade.

Este curso non  hai ningún alumno/a matriculado con Necesidades Especiais de Apoio Educativo (NEAE), non obstante, a responsable do Centro é consciente de que cada individuo ten a súa particular circunstancia vital, a súa forma de aprender e vivir a actividade escolar, o seu ritmo, etc. E, dado que o grupo é pequeno, terá a oportunidade de responder individualmente a esa diversidade adaptando tempos, agrupamentos, actividades e incluso estilo de trato ás características e momentos determinados.

Tamén ofrecemos, nos nosos materiais didácticos, contos, imaxes, cancións, etc, e nas nosas accións e verbalizacións modelos de respecto e de visualización da diversidade.

A atención á diversidade relacionada con Audición e Linguaxe, así como a atención a dificultades máis importantes que presenten algúns alumnos/as, será executada polas mestras respectivas segundo a Concreción anual do plan de atención á diversidade en poder do equipo de Orientación no CEIP de As Neves.

 

Temas transversais e valores

A educación moral e cívica, ambiental, sexual, vial, para a paz, para o consumo, para a igualdade de oportunidades, para o coidado do medio ambiente e para a saúde atravesan a totalidade da práctica docente a través das actividades e experiencias que realizan os nenos e nenas no seu traballo cotiá na aula e as interrelacións entre todas as persoas implicadas no proceso educativo.

Os contidos integrados nestes temas forman parte das actividades expostas en todas as áreas e, sobre todo da actitude do docente na súa práctica diaria, que ofrecerá modelos de identificación coherentes que facilitarán a interiorización das actitudes referidas. Trátase de estar atento/a aos contidos implícitos das nosas mensaxes, materiais, accións, etc, como se expón na presentación deste documento. Todo momento é educativo e está cheo de mensaxes implícitas do eido dos temas transversais, pode que non intencionadas, mais de central importancia para esta Escola.

 

O espazo

Na EEI Taboexa entendemos que o espazo escolar abrangue, naturalmente a aula e o patio, pero tamén a contorna próxima e especialmente a área de monte comunal próxima ao Centro denominada por nós, a Fonte da Moura, lugar de aulas específicas de Coñecemento do medio, de tempos de lecer e de encontros e intercambios coa Moura de Taboexa (véxase PEC)

No edificio escolar temos a aula principal, o vestíbulo, os baños e a aula anexa. Fóra do edificio está o patio, e mais aló está toda a contorna próxima, nomeadamente A Fonte da Moura.

A aula principal (70m2) está organizada en recunchos.  Son subespazos delimitados fisicamente, deseñados e equipados para propiciar un tipo de actividade(ver ANEXO1).

  1. A roda, para as asembleas e algunhas actividades de psicomotricidade, construciòns e xogos regrados. Para actividades de gran grupo
  2. A mesa grande, crebacabezas e xogos de lectoescrita e lóxica-matemática
  3. A mesa pequena. Xogos de mesa (oca dominó...), maquillaxe
  4. A mesa dos libros especiais. Libros de gran formato ou que requiren especial coidado
  5. Contos. Lectura-visionado de libros ,

  6. Pintura. Para actividades de pintura, modelado, e plástica en xeral
  7. A Casiña. Para xogo simbólico
  8. Sala escura. Mesa de luz, lanternas e retroproxector

 


O traballo por recunchos permite variedade de actividades e agrupamentos e proporciona o mellor marco para a aprendizaxe significativa. Ao ofreceren diferentes opcións optimízase a atención á diversidade, -pois permite atopar o nivel máis adecuado a cada madurez, ritmo, afinidades persoais, materiais, xogos favoritos, etc-,  favorece a atención individualizada e a incorporación de hábitos de orde e respecto ás normas Así mesmo facilita unha adecuada socialización, propicia a experimentación, exploración e descubrimento, e polo tanto, a creatividade, a concentración e a autonomía e maduración, fins últimos da nosa tarefa....

Ambientación de aula: A beleza, a limpeza, a elección de materiais e a orde son criterios importantes, pois nun ambiente agradable, ordenado e co material ao alcance do alumnado, poderanse desenvolver os obxectivos de autonomía, respecto e harmonía antes enumerados.

O Centro dispón tamén dunha aula anexa de 90 m2 habilitada como sala de psicomotricidade e gran movemento, onde dispoñen de disfraces, contos, crebacabezas e xogos de construción.

Pero o espazo educativo non se circunscribe só á aula: o patio escolar é un espazo eminentemente educativo onde as crianzas toparán múltiples recursos e desafíos para as súas actividades autoestruturantes, determinadas pola posibilidade da socialización, o gran movemento e a expansión.

E por suposto toda a Contorna Natural é Social é considerada espazo e oportunidade educativa, e, polo tanto serán comúns as actividades planificadas fora do Centro. En particular, a área chamada por nós, a Fonte da Moura, espazo natural na contorna do cole, é un lugar moi querido por todos, pois a Moura de Taboexa (ver PEC) elíxeo para intercambiar co grupo mensaxes e agasallos. As suficientemente avaladas recomendacións pedagóxicas sobre os beneficios da natureza e o aire libre refrendan a nosa proposta de xeito que impulsaremos aínda máis as visitas alí, desenvolvendo as aulas de coñecemento no medio in situ.

 

Agrupamentos

As actividades e os espazos escolares están deseñados para diferentes tipos de agrupamentos:

Gran grupo: Asemblea, murais, obradoiros, dramatizacións, xogos psicomotores           colectivos na aula e no patio, cancións, bailes, contos, habilidades sociais, linguaxe oral...                 

Pequeno grupo/parellas. Nos recunchos, no patio, xogos de mesa, xogos espontáneos...

Individual. Tarefas concretas propostas e supervisadas individualmente ou momentos de actividade ou descanso individual libremente elixidos polas crianzas.

Observarase como se agrupan os alumnos/as espontaneamente, e tratarase de que participen oportunamente dos diferentes agrupamentos e  se relacionen con todos os compañeiros/as.

 

Relación Comunidade -Familias- Escola.

As relacións Escola-Comunidade son fundamentais. O Centro pretende ser un núcleo dinamizador social integrado na vida comunitaria e así tratará de coordinarse co resto dos axentes sociais (Concello, Asociacións, empresas, outros centros educativos...). Trataremos este ano de impulsar o dinamismo do Centro canto á relación con outras entidades e coa comunidade en xeral: O  Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa, o Concello de As Neves, a EEI Rubiòs, a Charanga de Taboexa, o Centro de Dìa para Persoas Maiores o IES de Tortoreos, EFA A Cancela...

Especialmente precisamos do apoio das familias para que o Proxecto Educativo sexa exitoso nestas idades temperás. A escola constitúe unha continuidade da vida familiar e participa das súas liñas de crianza, os adultos de confianza (pais/nais e profesorado) guían ao neno/a pequeno/a a través do mundo,e así este séntese seguro e querido, condicións necesarias para a realización das súas potencialidades. Familia e escola da man, xunto á súa contorna próxima proverán á crianza do contexto óptimo para o seu desenvolvemento.

Dende o Centro tratarase de integrar ás familias no proceso educativo, convidándoas a visitar a aula, organizar actividades e aportar elementos que servirán para os exercicios escolares, así mesmo o grupo visitará diferentes espazos interesantes da contorna contando, se é posible, coa colaboración das familias.

A acción coordinada e coherente entre familia e escola determinará en boa parte os resultados do proceso educativo, por iso buscarase o intercambio constante de información, a confianza e valoración positiva mutua e a colaboración (con máis ou menos grao de implicación ou dedicación de tempo). Os contactos presencias coas familias serán

            Diarios. comentarios puntuais nas horas de levar e recoller ao neno/a      

Periódicos. Para tratar, colectivamente, aspectos relativos a planificación escolar, ou evolución  do grupo ... Unha primeira reunión ao comezo de curso e máis unha reunión por trimestre.

Entrevistas individuais  Ao principio da escolarización as familias son convocadas individualmente para intercambiar impresións sobre o periodo de adaptación do alumnado. E dúas veces máis ao longo do curso coincidindo coas avaliacións. Amais de ser convocada a familia cando se percibe algún trazo preocupante nunha crianza.

Visitas  Recibiremos as familias na aula para participar na roda ou dirixir un obradoiro. De seren convidados, tamén visitaremos as casas do alumnado da contorna próxima.

Festivos-saídas-proxectos  As familias participan na organización e desenvolvemento das saídas e os proxectos da aula.

Colaboración na mellora e mantemento do Centro. Trimestralmente convocamos ás familias para traballos de adecentamento e mellora das instalacións.

As familias tamén poden comunicarse coa responsable a través do teléfono do Centro 660 784 928,  e das contas de correo electrónico eei.taboexa@edu.xunta.gal e cole.taboexa@gmail.com

 

O período de adaptación

Se consideramos que unha persoa que chega a esta escola está iniciando unha longa etapa de mais de 10 anos que terá unha gran transcendencia na súa vida, ocuparémonos en preparar o momento de entrada e integración na escola con sumo coidado e evitaremos precipitarnos. Os cambios e os novos desafíos son moitos e moi complexos, ao mesmo tempo, o alumnado que xa ven do curso anterior tamén aborda unha nova realidade despois do longo verán, uns e outros precisan unha gran atención. Para poder atender a todos/as da mellor maneira posible deseñamos o periodo de adaptación asi:

·         Os 2 primeiros día de cole é só para o alumnado antigo. E o tempo do reencontro e de encaixar que faltan compañeiros/as, así como adaptarse de novo a tempos e espazos.

·         Flexibiliación horaria para o novo alumnado. Consiste en 2 fases de varios días de duración cada unha. A partir do 3º día lectivo empeza a incorporarse individualmente o novo alumnado con 1 ou 2 días de separación entre cada un.

Na 1ª fase o neno/a entra as 11.30 da mañá ao patio. Atopa o grupo xogando. No espazo exterior o proceso de confianza é máis fácil. Aquí terá que familiarizarse con novas persoas, novos materiais que terá que coidar e compartir, novos espazos cos seus riscos e posibilidades de xogo, e a figura de autoridade e protección que é a mestra. As 13.00 a nai marcha, soa ou coa crianza. Unha vez que o novo alumno/a acepta quedar só no cole e desfruta do mesmo asentamos a rutina un par de días e pasamos á 2a fase.

Na segunda fase entra ás 10.15, Atopa o grupo xogando/traballando dentro da aula, a mestra pode atender e acompañar individualmente. Aquí familiarizarase con outros materiais e normas mais numerosos e complexos.

As crianzas son informadas detalladamente do escenario que van topar no cole cada día e dos cambios de fase. Isto permitirá que o neno/a anticipe o contexto e saiba conducirse nel con mais confianza

 

·         A mestra e a familia consensúan cando normalizar completamente o horario. Pódese agardar tanto tempo coma sexa necesario. Ao alumnado de 4º curso se lle suxire que durante o primeiro trimestre entre ás 10 da mañá. 4 horas de cole son suficientes e a primeira hora é a máis esixente para eles.

·         Durante o mes de Setembro/Outubro realizaremos 2 saídas. O alumnado novo que se vai incorporando pode participar destas saídas sempre que o fagan a cargo dun adulto.

·         En realidade o período de adaptación alóngase ata ben entrado Outubro, pois amais da adaptación horaria tanto o novo alumnado coma o vello teñen que acomodarse á nova vida escolar con todos os seus aspectos. Para uns un mundo novo e para outros unha volta a un escenario que mudou moito despois do verán, pois hai cambios de profes e faltan os maiores!

 

A adaptación do novo alumnado pódese alongar máis aínda no tempo, a atención da mestra diríxese entón a este obxectivo. Durante varias semanas hai de parte da mestra e do grupo antigo unha mirada amorosa e ao mesmo tempo firme sobre as novas crianzas que están facendo un gran esforzo de separación e de adaptación ao novo espacio, á profe, aos compañeiros, ás normas, ás rutinas, un gran paso cara a autonomía, un gran desafío para un ser pequeno. Será un delicado e dinámico equilibrio entre tratar de que se sinta a gusto e seguro, e ao mesmo tempo que acepte e integre a dinámica escolar.

É importante que se establezan bases firmes de confianza, respecto e comprensión da dinámica escolar, así deste xeito facilitarase a compenetración do grupo e coa mestra no futuro. Paga a pena deterse nun período de adaptación ben realizado.

O período de adaptación tamén se refire a como a mestra vai recibindo a confianza do novo alumnado, vai coñecendo as súas particularidades persoais e as potencialidades no que atinxe á actividade escolar. Asi é que nos primeiro meses de curso imos reconfigurándonos como grupo e sentando as bases do ritmo colectivo do que faremos parte

 

 

Contidos

 

Conceptuais

·         Eu. O meu corpo e as capacidades sensitivas e expresivas. As miñas emocións

·         Os outros. Normas básicas de relación humana. Como nos tratamos. As familias

·         A saúde e o benestar. Normas básicas de seguridade e hixiene. Alimentación saudábel

·         Nocións espazo-temporais

·         Contextos cotiás (casa, escola, aldea...) e os seus elementos: construcións obxectos, costumes, traballos de campo, manifestacións artísticas e culturais, deportes, persoas, alimentos...A Comunidade.

·         A natureza, o mundo, o medio ambiente. Animais e plantas. O lixo. Os diferentes materiais.

·         Formas de expresión e representación: plástica, música, letras, números, medidas, gráficos, mapas...As letras, as palabras e as mensaxes

·         a arte e a cultura

 

Procedimentais

·         Linguaxe oral, expresión e conciencia fonolóxica

·         O corpo en movemento, Psicomotricidade grosa

·         Exploración e observación

·         Investigación: adiviñar, indagar, formular hipóteses, intentar, probar, imaxinar...

·         Conceptualización e análise: comparar, definir, agrupar, clasificar, seriar...

·         Razoar: Xustificar, inferir...

·         Aplicación e expresión: Explicar, interpretar, expresar a través das diferentes linguaxes, dramático, plástico, musical...

·         Manipulación física de obxectos e materiais. Psicomotricidade fina.

·         Habilidades sociais: pedir permiso, pedir desculpas, dar as grazas, pedir amablemente, eloxiar, desculpar, saber escoitar, sobrepoñerse ao fracaso...

·         Inventar, idear, crear...

·         Atención ás indicacións da mestra, planificación da tarefa e os materiais necesarios, postura correcta e correcto agarre do instrumento, e atención plena na mesma.

 

 Actitudinais

·         Respecto, valoración e atención por si mesmo/a, polos demais e pola vida en xeral

·         Gusto por compartir e interrelacionarse

·         Valoración e respecto do medio natural

·         Gusto e respecto polas manifestacións culturais e artísticas

·         Gusto e respecto polas producións propias e alleas

·         Curiosidade, o gusto por descubrir e aprender

·         Esforzo e perseveranza en función dunha meta a acadar

·         Tolerancia ao fracaso e resiliencia

·         Habilidades sociais.

·         Autocontrol

 

Actividades

 

 

Ao longo da xornada escolar as actividades vanse realizando segundo unha grella de situacións  repetida case todos os días. Son as rutinas e están expostas no ANEXO 1.

Na aula hai diversidade de propostas de actividade  (en cada espazo da aula) que o alumnado realizará (en forma de gran grupo, pequeno ou individual) seguindo os seus impulsos e as propostas da mestra.

As relacionadas coas rutinas e coa loxística escolar. Situacións de aprendizaxe:

§  As chegadas e saídas: Saudar, Poñer e quitar a roupa e pantuflas e colocalas no seu sitio, saudar, agardar polos compañeiros/as

§  Vida diaria, vestirse e desvestirse para bañarse na piscina, tender a roupa mollada.

§  A orde nos espazos escolares

§  Tratamento do lixo

§  Rutinas de alimentación

§  Rutinas de hixiene

§  Xogo libre: Patio / sala de xogos / Fonte da Moura

§  Coidado das plantas e de todos os seres vivos

§  Escoita dunha narración de xeito participativo.

§  Os obradoiros

§  As saídas e as visitas

§  Tarefas do axudante (ver PEC)

§  A asemblea

§  O Traballo

§  Os recunchos

Resaltar que hai situacións de aprendizaxe que non se mencionan nen se clasifican, mais interveñen con gran protagonismo na evolución das crianzas na Escola, son as relacións persoais, que comprometen o xeito en que cada crianza aprende a xestionar as emocións involucradas nesas relacións e a sentirse parte do grupo e desenvolver a súa interdependencia. Tamén as situacións relacionadas co feito de realizar unha tarea que en principio non apetece, como recoller o material, que pon á crianza en contacto cun sentido da responsabilidade que está comezando a construír.

Hai actividades autorreguladas ou semirreguladas:

Pezas soltas para construcións e estruturas

Xogos de aproximación á lectoescrita

Xogos de aproximación á loxica-matemática.

Xogos de observación e experimentación

Xogo libre (en calma) na aula e xogo libre (con movemento) no patio

Xogo simbólico

Xogos de mesa

Actividades de modelaxe

Actividades de debuxo, pintura e expresión plástica

Xogos de montar e clasificar, ordenar, etc

Xogos coa luz

Visionado de libros

Descanso e introspección

 

E hai actividades dirixidas:

A roda (asemblea), unha longa ao principio do día e outra curta ao rematar o recreo

Contacontos

Teatriño de mesa

Saídas

Xogos de psicomotricidade

Corrillos e xogos de linguaxe e movemento

Música

Actividades dirixidas á lectoescrita, lóxica-matemática, tratamento da información, postura, prensión do instrumento de trazado, e atención durante a tarefa.

Manualidades e plástica

Actividades de percepción espacial (os planos)

 

 

O alumnado recibirá clase de inglés media hora semanal e A orientadora do CEIP As Neves intervirá os mércores dende as 11,00 ás 12,40 horas acompañando á mestra e asesorándoa sobre a acción docente ou casos de especial dificultade.. Así mesmo o profe especialista en Audición e linguaxe realizará unha sesión semanal de estimulación da linguaxe oral e inglés os xoves de 9,00 a 10,40.

 

Actividades complementarias

§  Saídas semanais á contorna próxima, nomeadamente á Fonte da Moura (ver PEC)

§  Unha vez por trimestre iremos á escola de Rubiós e eles virán á nosa (pendente de confirmación por parte da Escola de Rubiós).

§  Outros anos fomos convidados a celebrar, no Auditorio Municipal, o Aniversario de Rosalia de Castro e o Dia das Letras Galegas con obras de teatro e outras actuacións.

§  Cada familia fará unha intervención formal na aula deseñando e dirixindo unha actividade, previa planificación conxunta coa mestra.

§  Ampliaremos as nosas relacións con outras entidades locais: Centro Cultural, Charanga, Centro de Día...

§  Proxecto Mercurio (ver PEC). Intercambio co IES e o CEIP de As Neves e visita ao Museo de Pontevedra

§  Proxecto Montescola: 1 semana de actividades ao aire libre no mes de Xuño.

§  Visita á biblioteca de As Neves

§  Visita á fabrica de requeixo de As Neves

§  Proxecto: Coñece Taboexa paso a paso, en coordinación do Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Taboexa (Comunidade de Montes) que consistirá en saídas semanais durante o 1º trimestre á contorna próxima acompañados da responsable do CIPC Taboexa para coñecer o patrimonio de Taboexa. ANEXO 9

§  Evento: A Moura de Taboexa, charla divulgativa para a veciñanza sobre o mito da Moura coa antropóloga Lidia Mariño, investigadora e divulgadora da mitoloxía galega, e Anne Leppere, artista sonora e compositora.

 

Actividades  extraescolares

Realizaremos varias saídas en autobús a algún destino interesante a nivel educativo e integrado nun Proxecto de Traballo. Por exemplo:

            Museo de Pontevedra

            Paraños: Museo da cera e ruta do Xabriña

Castro de Troña/Museo do Sobroso

Base do Helicóptero de Queimadelos, Mondariz.

 

Proxectos de Traballo

Algúns proxectos de traballo poden xurdir de acontecementos espontáneos que focalizan o interese das crianzas e da profesora, ben por ter un alto potencial didáctico, ou ben por ter un gran significado emocional ou cultural, eses proxectos naturalmente, non son programados. Máis hai outros que se repiten case todos os anos, son os seguintes

A Moura de Taboexa. É o proxecto cerne da Escola. O mito da Moura alumea agarimosamente o noso cole levándonos da man por moitas aventuras que afortalan, se cabe, o entusiasmo das crianzas. O colofón é unha procura do Tesouro da Moura polo Monte Sanomedio que ocupará ás ultimas semanas do curso.

Froitos de outono. Cabazas. Magosto

Aninovo. Decoración do centro e envío de felicitacións postais.

Aniversario de Rosalía de Castro. Representación dunha poesía

A Primavera.

Cociña Pan de millo, zumes e licuados, galletas, as cabazas, as castañas, as uvas...A transformación dos alimentos é un punto de grande interese, aproveitaremos todas as ocasións para organizar obradoiros de cociña e probar novos sabores.

O día do libro colaboración co CIPC Taboexa. Intercambio de libros coa comunidade e agasallo de punto de lectura.

As Letras galegas. Xeralmente o Concello organiza un evvento cultural que nos complementamos cunha acción de rúa.

As herbas silvestres. Herbas de San Xoan (colaboración co CIPC Taboexa) Saída  na procura de herbas e traballos relacionados

Montescola: (ver PEC)As actividades escolares trasládanse durante a primeira semana de xuño á área de monte comunal: A Fonte da Moura, como xeito de preparar a despedida de curso e a despedida dos que marchan para primaria. Colaboración da EFA A Cancela.

Exposición itinerante: O Mercurio de Taboexa: (ver PEC) Despois de varios anos xestións e visitas ao Museo de Pontevedra, éste nos agasallou no ano 2020 cunha réplica a tamaño real de Mercurio (estatuiña de bronce prehistórica achada no Castro de Altamira, Taboexa, e custodiada no devandito museo). O proxecto consiste en deixar un expositor con Mercurio durante 2 semanas en diversas entidades (CEIP, IES; Centro de Día...) Un docente ou varios poden aproveitar este evento para introducir ou motivar leccións de prehistoria co seu grupo. Ao remate da exposición o grupo en cuestión visitará Taboexa: O Centro escolar, a contorna natural cos petróglifos, e coñecerá a historia da Moura de Taboexa, Garda e Señora do Monte. A Escola conta co apoio do Centro de Interpretación da Cultura e o Patrimonio de Taboexa, que acompañará estas visitas guiadas. Tamén poderá acompañarnos na nosa visita anual ao Museo.

 

Temporalización

 


Para que as crianzas adquiran maior seguridade nas súas accións, mellor desenvolvemento emocional  e interiorización de certos hábitos, precisan realizalas cunha determinada organización: certas estruturas repetiranse todos os días coa mesma secuencia, son as rutinas, que marcan o ritmo que lles permite anticipar acontecementos, adquirir conciencia do transcorrer do tempo, relacionar espazo-tempo, actividade-descanso, actividade-persoa e asumir hábitos de orde e desenvolvemento da autonomía. Pero sobre todo lles ofrece unha simulación de control das súas actividades. As crianzas entran no cole e saben que van facer, non quedan ao arbitrio das “ocorrencias” do adulto.

No ANEXO 1 expóñense as rutinas de traballo secuenciadas e pormenorizadas. Semanalmente concrétanse as tarefas a realizar.

O xogo libre no patio (almorzo incluído) realizarase de 11.15 a 13.00 h. -agás os mércores que se fará na Fonte da Moura-e será custodiado pola mestra responsable do centro. O Centro dalle gran importancia ao xogo libre pois é a actividade máis edificante á que se entregan estas crianzas.

Andando o curso as actividades medran en complexidade: a medida que as crianzas van madurando e o grupo vai cohesionándose, e por tanto a súa autonomía, tamén medra a confianza da mestra no grupo e as rutinas como estruturas de orde e seguridade vanse flexibilizando dando paso a un fluír orgánico que responde mellor ás necesidades individuais e de grupo.

 

Avaliación

 

Nos meus anos de experiencia como mestra de Infantil, a avaliación ten sido o aspecto mais conflitivo e ingrato amais da burocracia. Cualificar resultados escolares nesta etapa é sumamente difícil e implica un risco de sobreacademización da mesma. Por outro lado, a avaliación en sí parece que colida contra o meu criterio de respecto ás persoas e ao seu ritmo de desenvolvemento individual.  Pero non é menos certo que as mestras observamos ao noso alumnado cotexando o seu comportamento con determinadas ideas prefixadas sobre cómo agardamos que se conduza un neno/a, de 3, 4 ou 5 anos. E tampouco que as familias teñen dereito a coñecer as nosas impresións sobre a evolución das śuas crianzas.

Abordando entón a avaliación sistemática, a escola organiza a información ao redor da pregunta: En que aspectos focalizo a miña atención sobre unha crianza para obter información  sobre o seu desenvolvemento?  Ou tamén...Qué espero que un neno/a de 3, 4 ou 5 anos sexa quen de facer? Son preguntas moi similares ás que se fan as familias, pois a mestra de infantil e unha pseudomamá, unha adulta  que vela profesionalmente polo benestar integral (físico, mental e emocional) das crianzas e docemente puxa pola súa maduración a través de relacións humanas, materiais, agrupacións de crianzas, propostas de xogo etc, observando a súa actividade durante o tempo de escola e preparando as crianzas para a etapa escolar propiamente dita.

E trato de clasificar criterios dificilmente encasillables, pero faise un esforzo de síntese e clasificación  e podo aventurar que os aspectos máis importantes onde eu poño o foco nunha crianza son aqueles que teñen que ver co seu desenvolvemento persoal :

Autoconcepto e autoconfianza, como se ve a si mesmo,se se sinte capaz e competente

Autonomía, como resolve as súas necesidades diarias (roupa, baño hixiene….) ou problemas que lle poidan acontecer (a billa non abre, a gaveta non abre, a friameira non abre, non son quen de pelar o plátano, cómo comer un iogur correctamente, o rotu non pinta…), e se pide axuda cando a precisa e como o fai.

Responsabilidade (asunción de normas, recoller o material, seguir as indicacións da mestra…)

Regulación dos impulsos e as emocións, tolerancia ás frustracións….

Capacidade de esforzo

Iniciativa e emprendemento

Convivencia e relación cos demais. Asertividade e colaboración, non dominación nen submisión

Atención e organización : atende ás instrucións da profesora, organiza a súa tarefa, escolle o material necesario, disponse a executala con atención e determinación, resolve dificultades, a postura, orden, organización gráfica, conclusión e peche da mesma.

Tamén focalizo a miña atención noutros planos da maduración xeral

Comprensión do espazo-tempo

Mantemento  da atención

Comprensión das relacións persoais (familiares)

Coidado dos seres vivos e a natureza

Organización das propias actividades

Capacidade de relaxación

Conciencia corporal

E especificamente no aspecto do desenvolvemento da linguaxe oral

Fala con fluidez? Constrúe frases progresivamente máis complexas? Pronuncia ben? Contesta cando se lle fala?, presenta un discurso coherente? Emprega fórmulas convencionais de cortesía? Sabe escoitar?

…e o da expresión corporal

Presenta coordinación de movementos? Gusta dos xogos de movemento? Asume riscos físicos? É prudente intrépido, ou aloucado nos seus xogos físicos?

En aspectos máis próximos ao académico observamos

No eido da psicomotricidade fina

Abotóase? Cose? Fai unha pulseira? Como agarra a tesoira? O punzón?

 A psicomotricidade fina se concreta na grafomotricidade xa avanzada a etapa infantil: o trazo, prensión e presión

Lectoescrita: recoñece as letras, os nomes dos compañeiros/as? Escribe o seu nome? Escribe máis palabras? Escribe as letras con trazo decidido e limpo? Fai hipóteses escritoras? Silábicas?  alfabéticas? Ten unha postura axeitada ao escribir ou debuxar?

En crianzas cun gran desenvolvemento escritor podemos observar se fai hipóteses lectoras

No eido da lóxica matemática observamos

Xoga a xogos de regras (oca, dominó, cinquillo...)? (conteo, quendas), fai estimacións numéricas? Conta cousas? Hipóteses aritméticas?

Fai series? Clasifica? Ordena elementos atendendo a un criterio? Discrimina formas xeométricas? Comprende un diagrama de dobre entrada?

…e ao respecto da expresión plástica, que observamos?

Gusta de facer creacións plásticas? No uso do utensilio gráfico ocupa todo o espazo? Gusta de usar cores? É expresivo? Ou introspectivo? Experimenta con diferentes materiais plásticos?

….ao respecto da expresión musical…

Gusta de participar en actividades que implican o canto ou o ritmo?

 

Non debemos deixar atrás a observación de como a crianza vive a escola….vén feliz ao cole?, está adaptado/a ás rutinas de aula?, desfruta das actividades propostas e fai novas propostas de actividade?

Esta grella de observacións é unha proposta viva e cambiante e servirá de guía de avaliación para o presente curso, e dado que as familias desexan e teñen dereito (orde do 5 de maio de 1993) a coñecer as miñas impresións sobre a evolución dos seus fillos/as de xeito  sistematizado e formal recibirán un informe escrito (modelo en ANEXO 6) sobre os progresos do alumnado en torno a estes criterios aquí explicados, 2 veces por curso.

 

Recursos

 

·         Edificio escolar consistente nunha aula principal de 70 m2, unha aula anexa de 90m2, un patio de 100m2 e entrada cuberta de 20m2.

·         A contorna natural e social e a comunidade son tamén un recurso educativo.

·         A administración local colabora coa climatización, limpeza, mantemento e melloras no edificio escolar

·         Mobiliario e material axeitado ao alumnado

·         Orzamento da Consellería para o Centro

·         Colaboración con EFA A Cancela

·         Traballo voluntario das familias en canto a mellora e acondicionamento das instalacións

·         Voluntariado externo

·         Material didáctico elaborado pola mestra adaptado às necesidades do grupo

·         Museo de Pontevedra

·         Material curricular de elaboración propia

·         Equipamento tecnolóxico axeitado.

 

Avaliaciòn da programaciòn

 

Adáptase a programación ás necesidades das crianzas? Promove comunicación e interrelacións afectivas saudábeis entre as persoas implicadas ….Cal é o grao de adecuación das condicións organizativas e recursos?.

A programación é sometida a unha valoración continua para vixiar o grao de adecuación de obxectivos, contidos e metodoloxía, temporalización, organización de espazos, etc.,ás necesidades das crianzas e á normativa vixente.

Ao final dos trimestres e especialmente ao final de curso, fanse propostas para axustar aqueles aspectos que mostran debilidade e solicítanse os recursos extras necesarios.

 

 

Anexos

ANEXO 1      AS RUTINAS

ANEXO 2      OS ESPAZOS DA AULA

 


A RODA, construcións

Xogos de ensartar

Bolos

Pezas soltas, sobre todo pezas soltas

Pizarra branca

 

MESA GRANDE, traballo

Crebacabezas

Xogos de lóxica matemática

Xogos de estruturación espacial

Regretas cuissenaire (ordear, seriar, reprodución en cadrìcula…)

Formas xeométricas

Que escriban letras ao chou

Clasificar palabras     

Fariña-plasti

Crebacabezas de letras

Montar nome 

Etiquetas

Texto libre

Libro das palabras difíciles

Libro das vogais

Libro das familias

Libro das mascotas

Tarxeteiro

Bingo de palabras

Relaciona

Xogos de lectoescrita

Pizarra velleda

 

A  CASA DE MOURI, xogo simbólico

Reproducción dunha casa para o xogo simbólico

 

SALA OSCURA

Retroproxector

Mesa de luz

Lanternas

 

CONTOS

Libros de ficción e non ficción e elementos de descanso

 

MESA DOS CONTOS ESPECIAIS

Libros de gran formato ou que requiren especial coidado

 

MESA PEQUENA

Cinquillo e xogos de cartas

Oca

Bingo

Maquillaxe

Dados

Dominó

Oca

Pai fillo nai

Comenúmeros

Bingo

 

PINTURA, plástica e manualidades

Recortar

Picar

Pegar

Mandalas

Rolos papel hixiénico

Decorar a aula

Collage

Debuxar e pintar

Barro

Fondos-texturas

Troqueis

Pinceis

Area

Ensartar

 

A SALA GRANDE, psicomotricidade

Psicomotricidade e movemento

Disfraces

 

O PATIO, xogo libre

No exterior as crianzas atopan variedade de estímulos e desafíos cercanos á natureza para continuar coa súa actividade formativa de forma autorregulada

 

A FONTE DA MOURA, natureza

Espazo do monte comunal considerado área anexa ao Centro escolar para as nosas saídas á natureza

 

 


 

 

ANEXO 3      PLAN DE IGUALDADE

 

A situación de discriminación da muller na nosa sociedade é patente, os datos sobre a brecha económica, o teito de cristal, as violencias sexuais, a división de tarefas asociadas a coidados ou domésticas son suficientemente claros.  A cultura machista está detrás de esta situación que, na súa expresión mais siniestra, asasina cada ano ao redor de 80 mulleres no Estado Español, a mans de parellas ou exparellas.

Para ter unha convivencia harmónica na que todos os membros da sociedade poidan desenvolverse  sen medo en igualdade de condicións independientemente do seu sexo, debemos apurar a reconstrucción da envolvente cultural.

É unha necesidade social urxente e ineludible.

O sistema educativo é interpelado xa que logo para facelo, pois a escola é un dos principais contextos sociais onde as crianzas integran os rasgos culturais.  Pero tamén é a Escola onde un individuo en formación, adquire as ferramentas persoais para superar estereotipos e mandatos culturais e construír, con espiritu crítico, creativo e liberador, unha cultura mais avanzada, por tanto, elaboramos un plan de acción que consiste en:

 

1          Observación e diagnóstico.

2          Obxectivos

3          Accións

4          Seguemento, avaliación e redefinición do plan

 

 

1          observación e diagnóstico

Como responsable do centro e case única profesora do mesmo (o especialista de inglés e o orientador acuden cadansúa hora semanal) observo, sí, riscos machistas na indumentaria, no comportamento, nas linguaxes, nas expectativas de futuro, etc.

Tamén observo conductas e situacións sexistas na relaicón coas mamás (a maioría son mamás, non papás) que os veñen deixar no cole.

 

Indumentaria: A cor rosa e as súas variantes está presente dunha forma extremadamente prominente en roupa e complementos (mochilas, gorras, pantuflas…) das nenas e é inexistente na dos nenos.

Tamén observo como a maior parte da roupa e accesorios levan estampacións de marcas e persoaxes de animación, que tamén reproducen estereotipos machistas.

En canto á prenda inferior, os nenos usan chandal e as nenas mallas, non se dá ao contrario.

 

Socialización diferenciada: Observo unha actividade física mais exacerbada nos varóns, tendencia a xogos mais movidos e violentos.

ás nenas gústalles pintar as uñas e maquillarse. Os nenos teñen rexeitamento ante pintar as uñas e cuestionan ao que se atreve a facelo.

 

Na linguaxe .As crianzas de taboexa apenas din tacos pero se algún se escoita, é na boca dun varón. As nenas poden chegar a afirmar que hai que maquillrse para que os chicos as queiran

 

Expectativas de futuro . Cando falamos das profesión e expresan os seus plans, as respostas obedecen á separación de roles, mesmo se chega a corrixir a unha nena que expresa que, de maior , quere ser piloto de fórmula 1, “as chicas non poden ser pilotos de Formula 1”, contesta un compañeiro. Efectivamente, todos os pilotos de Formula 1 que ven son varóns. Son os referentes.

 

Nas familias .Observo que a tarea de coidados recae principalmente nas nais.

 

Por tanto creo que hai elementos abondo para afirmar que, xa nestas idades tan temperás, as crianzas comezaron a interiorizar o rol que o mandato cultural machista lles asigna polo seu sexo.

 

Podemos revertir esta situación? A que podemos aspirar?

 

2          obxectivos

 

  • Ver indumentarias libres de estereotipos de xénero e de mercadotecnia.
  • Escoitar espectativas de futuro guiadas por verdadeiras inclinacións persoais e non mandatos culturais sexistas.
  • Normalizar diferentes modelos de familia
  • Que a expresión corporal non sexa diferenciada
  • Que os xogos non sexan diferenciados
  • Aprender o bo trato e a non violencia
  • Aprender expresión e coñecemento das emocións
  •  

 

Cómo imos conseguir estes obxectivos?

 

3          Accións

As crianzas de 3, 4 e 5 anos, absorben o ven ao seu redor, se queremos cambiar algunha conduta debemos incidir na xénese da mesma. Corresponde entón desenvolver un proceso de reflexión profunda dos adultos que nos relacionamos con ela para analizar en qué medida somos responsables da súa deriva sexista.

Na nosa linguaxe

Nos modelos que lles ofrecemos

Nas nosas accións

Nas expectativas que poñemos sobre eles

Nos produtos culturais que lles achegamos

 

 

4          Revisión do plan

Anualmente o plan será obxecto de revisión e redifinición

 

 

ANEXO 4      PLAN DE CONVIVENCIA

 

Escola de Educación Infantil de Taboexa

Introdución

O plan de convivencia do centro é o documento no que se articula a convivencia escolar, que garante unha educación no exercicio dos dereitos e das liberdades dentro dos principios democráticos de convivencia, así como na prevención de conflitos e a súa resolución pacífica.

Según se recolle no artigo 121.2 da LO 8/3013, unha das tarefas fundamentais que teñen encomendadas os centros docentes é a de elaborar o seu plan de convivencia. Así mesmo, no preámbulo desta mesma norma dise que “ocupa un lugar relevante, na relación dos principios da educación, a transmisión daqueles valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza”. Ademais, “propóñense o exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia e a prevención de conflitos e a resolución pacífica de estes” como un dos fins do sistema educativo, e para a súa consecución faise extensivo a todos os niveis educativos e a todos os membros da comunidade escolar o obxectivo de traballar “a convivencia e a relación social e exercitarse na resolución pacífica de conflitos”.

A normativa actual da Comunidade Autónoma de Galicia referida á convivencia escolar, é dicir, a actual Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, no seu artigo 10, fai mención ao plan de convivencia e normas de convivencia.

Así mesmo, o artigo 11 do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en 5 materia de convivencia escolar, establece que o proxecto educativo de cada centro docente incluirá un plan de convivencia que recolla e desenvolva os fins e principios establecidos no artigo 3 da Lei 4/2011 e os regulados nas leis orgánicas sobre a materia. Devandito plan de convivencia integrará o principio de igualdade entre mulleres e homes e establecerá, sobre a base dun diagnóstico previo, as necesidades, obxectivos, directrices básicas de convivencia e actuacións, incluíndo a mediación na xestión dos conflitos, e conterá actuacións preventivas, reeducadoras e correctoras.

O plan de convivencia no noso caso pola condición de unitaria é elaborado polo equipo directivo, e aprobado polo consello escolar do centro (artigo 10.1 da Lei 4/2011), estando, por tanto, representados todos os sectores da comunidade educativa.

A análise da situación,

As Escolas Unitarias poseen as características ideais para minimizar os problemas de convivencia, de ahí que sexa case innecesaria a elaboración dun plan específico a tal fin, pois é precisamente a convivencia harmónica entre os membros da comunidade educativa aquelo do que presumimos estas escolas.

A cercanía de trato coas familias, co coidado que éstas poñen na relación cos seus fillos e coas súa recién estreada escolarización, e a relación cercana da profesora con toda a comunicade educativa, facilitan unha atmósfera de comunicación e respecto

Mesmo así, en prevención de situacións de difícil resolución, elaboramos o plan de convivencia adaptado ás peculiridades dunha Escola Unitaria que acolle a un número reducido de crianzas de entre 3 e 6 anos, que recibe e entrega persoalmente as crianzas ás familias (non hai transporte nen comedor) e que está integrada na comunidade.

Axentes implicados

A consecución dunha estratexia integral e ambiciosa coma ésta require a participación e a implicación dos múltiples sistemas nos que se atopan inmersas as crianzas. A realidade socioeducativa é complexa e non podemos acadar o éxito se non existe unha actitude de cooperación entre os axentes implicados. Pola condición de unitaria a relación entre estes axentes é moi estreita o que permite levar a cabo un maior número de iniciativas. Estoume a referir á relación familia-escola tan importante á hora de garantir o desenvolvemento integral do noso alumnado.

Os obxectivos específicos

Entendemos por plan de convivencia o conxunto de accións encamiñadas hacia:

a) A garantía dun ambiente educativo de respecto mutuo que faga posible o cumprimento dos fins da educación e que permita facer efectivo o dereito e o deber de aproveitar de forma óptima os recursos que a sociedade pon á disposición do alumnado no posto escolar.

b) A educación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais, na igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e na igualdade de trato e non discriminación das persoas.

c) A prevención das situacións de acoso escolar mediante medidas eficaces.

e) A corresponsabilidade das nais e dos pais ou das titoras ou titores no mantemento da convivencia nos centros docentes.

f) A promoción da resolución pacífica dos conflitos e o fomento de valores, actitudes e prácticas que permitan mellorar o grao de aceptación e cumprimento das normas.

g) O avance no respecto e a sertividade entre todos os membros da comunidade educativa e na mellora da convivencia escolar.

h) A promoción da sensibilización dos distintos sectores que interveñen na educación sobre a importancia da convivencia como parte fundamental para o desenvolvemento persoal e social do alumnado.

Actuacións a desenvolver

Observación constante das relacións entre o alumnado, entre o profesorado e o alumnado, entre as familias e o alumnado, entre as familias entre sí, e entre as familias e o profesorado.

Establecemento de canles eficaces de comunicación entre todos os membros da comunidade educativa,

Deseño e organización de xornadas de convivencia e de xornadas de reflexión sobre educación e crianza.

Posta en marcha dunha escola de familias

O protocolo para a prevención, detección e tratamento das situacións de acoso escolar

De conformidade co establecido no artigo 30.2 da Lei 4/2011, do 30 de xuño o protocolo de detección consistirá en:.

·                    Realización de campañas de sensibilización hacia a cultura de paz e respecto

·                    Especial atención á resolución pacífica de conflitos

·                    A posible mediación de persoal cualificado do CEIP Marquesa do Pazo (As Neves)

·                    Comunicación á Inspección Educativa de calquera incidencia que ameace a convivencia pacífica no Centro.

 

Normas de convivencia do centro

As Familias teñen dereito a ser informadas de todo o concernente aos seus fillos e fillas de maneira formal. Para iso a PXA establece horarios de titorías.  Asimesmo, teñen dereito a participar da vida escolar nos términos expresados na Programación Xeral Anual, teñen dereito a un trato respectuosos por parte do profesorado

As familias deben respectar as decisións profesionais do profesorado e colaborar con eles para o beneficio dos seus fillos e fillas, deben asimesmo respectar horarios e peticións do profesorado en canto a merendas, recursos a aportar ao centro, etc.

O profesorado ten dereito a que se lle respecte a liberdade de cátedra e a ser tratado como corresponde, asimesmo debe ofrecer a familias e alumnado ese mesmo trato respectuoso.

O profesorado ten o deber de protexer os dereitos do alumnado e actuar en caso de detección dunha situaicón de abuso ou neglixencia por parte das familias.

O alumnado ten dereito a ser tratado con respecto, cariño e consideracion,  a comprender as accións que se realizan no Centro, a ser escoitados nas súas demandas e a que as súas necesidades intelectuais, físicas e emocionais sexan atendidas debidamente polo profesorado.

O alumnado ten dereito a ser protexido polo profesorado nos seus dereitos, mesmo en contra das súas propias familias.

En caso de observar signos que amosen unha situación de alerta cara a saúde psicofísica do menor débese informar canto antes os servizos correspondentes

 

 

Establecemento das condutas contrarias á convivencia

As condutas contrarias á convivencia son aquelas que, faltando ás indicacións do profesorado, quiebren o clima de paz e orde do espacio escolar

            Agredir verbal ou físicamente a outro membro da comunidade educativa.

Calquera trato incorrecto  entre as persoas especialmente hacia as crianzas

Faltas de puntualidade ou asistencia reiteradas

 

Seguimento ao plan de convivencia

Nas reunións de familias, de frecuencia trimestral, establecidas pola PXA, se considerará a convivencia como punto a tratar.

Comisión de Convivencia

O Consello Escolar funcionará como Comisión de convivencia  e reunirase cada tres meses. Debido a que nel está representado o concello, as familias e o profesorado é un bo axente á hora de tomar decisións relativas á mellora da convivencia escolar.

Difusión

O plan de convivencias será debidamente difundido entre a comunidade educativa nas reunións de familias, mediante cartelería, medios electrónicos...

Avaliación e mellora

A eficaciá e pertinencia do Plan de Convivencia será revisado permanentemente e anualmente modificado incorporando as melloras derivadas da avaliación constante concretadas nas reunións de familias e de Consello Escolar.

 

 PROXECTO LINGUISTICO

A procedencia da totalidade do alumnado é rural ou semiurbana e na maioría  de lingua materna-ambiental o galego, consecuentemente o profesorado utilizará esta lingua como vehicular, tendo sempre en conta que se busca unha competencia similar nas dùas linguas oficiais (lei 3/1983 de normalización linguística, artigo 14).

Obxectivos xerais para o fomento da lingua galega.

• Incidir na comunidade educativa para vencer prexuízos cara ao galego e para promover actitudes favorables a esa lingua, axudando así a superar o desequilibrio social no que se atopan o galego e o castelán.

• Promover a interacción entre a escola e a súa contorna para facer máis rendibeis os recursos e os esforzos deses dous ámbitos a prol da normalización do galego e partir das experiencias próximas para ampliar o vocabulario

• Garantir, dentro das posibilidades existentes, unha oferta de materiais didácticos en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz.

 

 

Este curso están matriculados no centro 8 crianzas, das que 4 teñen como lingua familiar o galego. Ésta será a lingua vehicular, sen ignorar o castelán que será utilizado tamén a traves de contos cancións, audiovisuais,etc.

O Consello Escolar valora positivamente as actividades relacionadas co fomento da lingua, especialmente aquelas relacionadas coa revaloración do entorno natural e o patrimonio material e inmaterial , xeneroso na nosa parroquia. As visitas aos petróglifos, a apropiación da lenda da Moura e o estudio dos achados prehistóricos son vías de fomento do uso do galego en toda a comunidade, ao tempo que facilita a promoción da contorna como fonte de contidos curriculares

 

 

 

ANEXO 7      PLAN DIXITAL

 

O Plan dixital está coordinado, como todos os demais, pola responsable de Centro, os obxectivos son dous:

1.      Promover procesos de análise e reflexión en torno ao uso das tecnoloxías na infancia: 3º trimestre

2.      Establecer canles de comunicación oficiais coas familias: Avalar

 

ANEXO 8      Evento: A Moura de Taboexa

 

Co gallo da celebración do día internacional do patrimonio oral, A Escola de Taboexa que render unha merecida homenaxe ao seu elemento patrimonial máis senlleiro: A Moura de Taboexa. Hoxe case abandoada no esquecemento, a Lenda a Moura constitúe a mensaxe que os devanceiros deitan en nós, para lembrarnos que somos todos iguais, que o ser humano avanza a través dos séculos con grandes e sofisticados inventos, pero as preguntas e preocupacións profundas seguen a ser as mesmas, a supervivencia a integración no medio natural e social e o sentido do SER. Lonxe de abordar o -absurdo- debate sobre se a figura é real ou fantasía, o que sí temos seguro dende a escola é que é un patrimonio de grandísimo valor, pois nos trae á actualidade, atravesando séculos de vida dos nosos ancestros, por transmisión oral, a cosmovisión da nosa comunidade e, xa na interpretación particular da Escola de Taboexa, un mandato de coidado do noso medio como ben prezado e necesario para a nosa supervivencia.

O sábado 21 de Novembro a escola ofrecerá á veciñanza de taboexa e ás persoas interesadas que decidan achegarse, unha charla a cargo da antropóloga Lidia Mariño, investigadora e divulgadora da mitoloxía galega, e unha escoita  da man da artista sonora Anne Leppere, que xa nos visitou na escola anteriormente gravando ao alumnado nunha das tantas saídas que facemos pola aba sur do Montes Sanomedio en busca das aventuras da Moura.

 

ANEXO 9 PROXECTO: Coñecendo Taboexa paso a paso

O Centro de Interpretación do patrimonio Cultural de Taboexa, dependente da Comunidade de Montes de Taboexa alberga unha exposición con paneis que destacan elementos do patimonio da parroquia. Ao fío das imaxes deses paneis, realizaremos saídas pola contorna para coñecer eses elementos e tamén a dimensión comunitaria que os alberga. Así, dende finais de Outubro ata principios de decembro, Lorena, a responsable do CIPC nos guiará por Taboexa nunha actividade profundamente coherente co proxecto central da Escola : VIRAR A MIRADA, que consiste en vehicular os contidos e obxectivos curriculares a través dos elementos da contorna, especialmente valiosos porque, por unha banda, ao estar cargados emocionalmente funcionan como grandes motivadores da aprendizaxe, e por outra, coadxuvan no obxectivo de valorar “o noso”, requisito imprescindible para o avance da sociedade.

As saídas realizaranse os xoves de 11.30 a 14.00 horas andando dende a escola e con volta á escola a maior parte das veces. Cando haxa que desprazarse máis lonxe estableceremos a recollida do alumnado noutro punto da Parroquia para non ter que voltar andando.



Ningún comentario:

Publicar un comentario