PEC Proxecto Educativo de Centro

 

 

 


Proxecto Pedagóxico de Centro EEI Taboexa

Escola de Educación Infantil de Taboexa.

Conselleria de Educación e Ordenación Universitaria. Xunta de Galicia

A Rata s/n 36448, Taboexa, As Neves, Pontevedra

660 784 928, eei.taboexa@edu.xunta.es

recadosdamoura@blogspot.com


Introdución. Marco Legal

O contexto escolar

Datos do Centro

O edificio escolar

Horarios e oferta educativa

A Proposta pedagóxica

Fins e obxectivos

Metodoloxia

Actividades

Acción e seguimento do PEC

------

Anexo: A Moura de Taboexa e o proxecto: Virar a mirada

Introdución-marco legal

O artigo 21 do texto consolidado da Lei Orgánica de Educación, LOE, establece as pautas para a elaboración, aprobación e seguimento do Proxecto Educativo de Centro, PEC.

Este documento mostra os signos identitarios do Centro e a súa proposta pedagóxica expresada en termos xerais.  

A Programación Xeral Anual, PXA, ofrece propostas máis concretas a abordar nun curso académico.

 

 

                                                                  O contexto escolar

A Escola de Educación Infantil de Taboexa atópase na aba Oeste do Monte Sanomedio, no barrio da Rata (hoxe As Barreiras, por fagotización dos barrios grandes sobre os pequenos case despoboados), pertencente á parroquia de Taboexa, Concello de As Neves (5.000 hab), comarca do Condado).

Taboexa ten unha poboación de 500 habitantes aproximadamente, que no mes de Agosto case se dobra polo retorno temporal dos emigrantes (nomeadamente dende Madrid). A realidade é que un gran número de casas permanecen pechadas e sen habitantes durante o curso escolar. Situación lamentablemente común en gran parte do rural galego.

Taboexa é unha parroquia eminentemente rural, case que todas as casas contan con terreo e horta, de xeito que a conexión co mundo natural permanece presente e viva no alumnado.

O nivel socioeconómico é medio-baixo.

As oportunidades de ocio e cultura son, despois do vasto espazo aberto de monte con que contan, un Centro Cultural xestionado pola Comunidade de Montes e, na Vila de As Neves, a 7 km de distancia, unha Biblioteca e un Auditorio Municipal. A 7 km tamén se atopa a Vila de Ponteareas, con 15.000 habitantes, que ofrece máis servicios de ocio, comercio e cultura.

O alumnado da EEI Taboexa procede, na súa meirande parte, da parroquia de Taboexa, pero compre sinalar, que algúns cursos, boa parte do alumnado procede de outros Concellos. Isto acontece porque algunhas familias coa convicción de que unha escola Unitaria ofrece unha óptima calidade educativa ás crianzas preescolares, que precisan un trato cercano, individualizado e integrado na comunidade. Asimesmo simpatizan coa proposta pedagóxica que neste documento se trata de expor con detalle.

O edificio escolar

O edificio escolar ten a fasquía arquitectónica típica das escolas públicas de principios do sec XX. É un edificio de sillería, de pedra granítica construído como alternativa a outra escola anterior, a Escola Baldeira [1], en funcionamento dende mediados do século XXVIII.

O edificio mide 30m de longo por 8m de ancho, e sitúase, orientado cara o oeste, ao longo da carretera EP 4202 que une as poboacións de Vilasobroso con As Neves, a 1.5 km da saída 267 da Autovía das Rías Baixas A-52.










No interior consta de

Vestíbulo de 10 m2 que da paso a:

Aula principal de 50m2

Aula anexa de 80m2 con espazo especialmente equipado para psicomotricidade e Biblioteca.

Baños

Cociña e 2 pequenos almacéns

Patio exterior de 300m2 dotado de árbores e prantas e diferentes propostas físicas de xogo e movemento, como randeeiras, tobogán, areeiro, cabana…

A pesar da antigüidade do edificio, éste recibe acaída atención por parte do resonsable do seu mantemento, O Concello de As Neves, polo que as condicións de habitabilidade son aceptables para o adecuando desenvolvemento das actividades diarias, precisando, iso sí, atención permanente.

equipamento

A pesar de ser un Centro con pouco alumnado está suficientemente equipado con todo o material, equipo informático, comunicacións,  climatización, mobiliario, material didáctico, etc, preciso para o desenvolvemento normal das actividades escolares.

Horarios e oferta educativa

A EEI Taboexa ten 18 prazas para alumnado de 3 a 5 anos (3 prazas reservadas para crianzas con necesidades educativas especiais) e está adscrito ao CEIP Marquesa do Pazo, de As Neves (o noso alumnado ten praza reservada alí para primaria). A media de ocupación da Escola nos últimos 5 anos é de 10 alumnos/as.

O horario lectivo do Centro é de 9.00 ata as 14.00 hs.

 

 

A proposta pedagóxica

Neste apartado exporánse as características identitarias do Centro en materia de principios pedagóxicos, ou, cales son as ideas sobre educación e infancia que impulsan a actividade educativa.

 

Obxecto da Escola Infantil

A Escola Infantil  é a resposta do Estado á necesidade das familias de delegar a atención das crianzas durante as xornadas laborais. As crianzas de menos de 6 anos non teñen necesidade de instrucción académica. Sobre estas afirmacións a Escola de Taboexa ofrece un acompañamento profesional a crianzas que teñen necesidades de afecto, xogo, movemento, descanso, interacción persoais, e tamén, de desafíos intelectuais que impulsan o seu desenvolvemento integral.

É así que, a mestra, como profesional do trato con crianzas, ofrécelles a éstas un ambiente espacial, temporal, social e afectivo óptimo para que elas, conforme os seus impulsos innatos, desenvolvan os seus potenciais no eido cognoscitivo, físico, afectivo e social, tendo sempre en consideración os dereitos e o benestar da crianza como individuo dentro dun grupo como primeira prioridade.

 

Respecto e confianza, base acción docente.

Esta oferta educativa parte entón dunha actitude de respecto e confianza. Respecto polo momento evolutivo e as necesidades que lle son propias, respecto pola persoa e os seus ritmos e trazos individuais, e confianza nas súas capacidades e nas súa incontestable e decidida disposición para prender e ser cada día máis competente, ou como eles/as din, mais maior.

A mestra alentará ás crianzas nas súas iniciativas, atenderá ás súas demandas de xogo e actividade ou descanso e impulsará o seu desenvolvemento integral ao ritmo que vaia marcando cada unha, todo isto conciliando os intereses individuais e grupais e promovendo un ambiente de relaxación, harmonía confianza e respecto.

Así, considerando que todo o tempo que as crianzas están a cargo da mestra é momento educativo, ésta velará polos intereses do alumnado organizando os tempos, os espazos, as actividades, o material e os agrupamentos nun balance dinámico e delicado entre as necesidades, os desexos e as propostas do individuo e do grupo.

O anteriormente exposto non é impedimento para que os límites, referencias necesarias para a seguridade e a confianza das crianzas, xustificados, explicados e correctamente comunicados, teñan tamén clara presencia na escola.

A escola como proxecto social.

Considerando tamèn que a Escola é un proxecto social, ésta intégrase na comunidade de forma activa e proxecta a súa acción hacia o futuro, hacia o tempo en que as crianzas de hoxe sexan cidadás activos na construcción dunha comunidade responsable, respectuosa con un propio, cos demais e coa Natureza da que facemos parte. Cara a ese escenario promóvese unha escola democrática, plural, social, integradora, pacifista, ecoloxista, feminista, solidaria e laica.

A escola, como espacio de emancipación persoal debe alentar que as crinazas vaian formando os seus propios valores e crenzas, polo tanto debe quedar ao marxe de ningunha posición ideolóxica ou crenza relixiosa, promovendo o espíritu crítico, a capacidade de diálogo e razoamento e o respecto por todas as persoas independentemente do seu sexo, etnia, ideas, posición social , etc.

 

Normalización da lingua galega

A escola de Taboexa, seguindo o mandato legal de usar como  lingua vehicular aquela que maioritariamente teñan as crinazas no seu ambiente, normaliza o uso do galego, pois ésta é a lingua ambiental do rural galego e en particular da parroquia de Taboexa.

Trasladando na normalización da lingua un apego polas nosas raices, tamén se transmite unha actitude de tolerancia, respecto e curiosidade por todas as linguas do Estado Español e do mundo, nun exercicio de valoración e respecto pola cultura propia sen deixar de observar con simpatía e interés as outras culturas. A defensa da nosa lingu é signo de identidade da EEI Taboexa.

Relación coas familias

O proxecto educativo da escola de Taboexa non se podería facer realidade sen a colaboración das familias. Elas nos entregan aos seus fillos nunxesto de enorme confianza, de tal xeito que non podemos velas se non como aliadas principais do noso cometido, que é compartido: axudar á crianza a comprenderse a así mesm e ao mundo. Nesta etapa a escolarizacion supón a primeira gran separación da crianza da figura de referencia, e por outra, os contidos a traballar achéganse máis á tarefa da crianza que á instrución. Entón a Escola alenta a participación das familias ao mesmo tempo que lles pide respecto hacia a funcion da mestra e a súa liña pedagóxica. As crianzas son aínda moi novas e lles será de gran axuda no seu proceso de confianza no sistema educativo, ver que as familias participan do proxecto escolar. Por outra banda as familias son fonte inestimabel de recursos valiosos para o noso traballo, ademais de que supoñen unha gran axuda en termos loxísticos (acompañamento, mellora das instalacións, aportación de material ou comida…)

As familias manterán reunións periódicas individuais e colectivas para compartir aspectos sobre a vivencia escolar de cada crianza. Asimesmo teremos encontros informais e dende a escola alentaremos a participación das familias nas actividades escolares, así como na mellora e mantemento das instalacións físicas. O espazo é un elemento educativo de gran importancia e o seu coidado deseño e organización require gran esforzo de toda a comunidade educativa.

 

O espacio exterior, a conexión coa Natureza

. As persoas facemos parte do ecosistema natural, necesitamos un medio ambiente san se queremos sobrevivir con saúde, éstas ideas transmítense ás crianzas a traves das palabras e dos feitos. A escola declárase explícitamente ecoloxista e a nosa aspiración sería “Residuos 0” nomeadamente na hora da merenda.

O espacio natural é o contexto máis saudabel para as persoas. Nel, cada un  atopa o desafío que responde as súas necesidades individuais e sociais. A natureza ofrece o contexto ideal para o desenvolvemento óptimo das crianzas na súa dimensión física, social e afectiva.

No movemento libre a crianza madura os órganos e as conexións neuronais precisas para os futuros desafíos e actividades académicas, en particular, no movemento libre, o órgano da visón fortalécese e agudízase. Unha correcta madurez do mesmo é primordial para abordar a tarea da lectoescrita con éxito e sen efectos secundarios adversos.

É necesario e urxente que a cidadanía reconecte coa entorna natural. As crianzas espontáneamente senten moita atracción e empatía .por todas as formas de vida, a escola debe comprometerse a non bloquear esa inclinación natural da crianza.

 

Xogo e movemento

Xogo libre e movemento son dereitos da infancia e as máis poderosas ferramentas de maduración integral da mesma. Observando o xogo libre dunha crianza descubrimos os seus puntos de interés, o seu estadio evolutivo, trazos de personalidade e carácter, estado emoiconal, itinerarios de aprendizaxe, etc. Para iso hai que dispoñer o espazo -estímulos, materiais, riscos- e o  tempo para que o xogo libre flúa.

As crianzas de 3 a 6 aprenden e relaciónanse co mundo a través dos seus sentidos, por tanto priorízane as experiencias con obxectos reais e con presencia persoal por riba das tenolóxicas, nomeadamente porque somos conscientes do problema de adición-entre outros moitos na sociedade-que causan éstas. Aspiramos a ser un cole 0 pantallas.

 

Valoración do esforzo e o autocontrol a responsabilidade e o respecto hacia os demáis.

Nun momento histórico onde a comodidade, o pracer, a satisfacción inmediata de desexos e a facilidade imperan na nosa sociedade, a valoración do esforzo e o autocontrol en función dunha meta será un obxectivo a traballar co alumnado. A satisfacción de ser quen de realizar unha tarefa empodera a crianza e aléntaa a emprender a seguinte, un pouquiño máis dificil. A mestra monitoriza eses procesos propoñendo tarefas coa dificultade xusta para cada momento e cada individuo.

Atender ás necesidades das crianzas non significa conceder todos os seus desexos. Aprender a pospor unha satisfacción ou xestionar unha frustración fortalece a personalidade do individuo e o prepara mellor para a vida en comunidade.

 

Sobre a lectoescrita e o tránsito a primaria

A Escola é coñecedora da polémica social e profesional ao respecto do ensino da lectoescrita: cándo e cómo. A pedagoxía actual baseada nas últimas descubertas da neurociencia afirma que os órganos cerebrais encargados da lectoescrita non están maduros, como norma xeral, ate os 6, 7 anos.  E por iso que ahí comeza a escolarización obrigatoria. Entende entón esta escola, que todas as intervencións de achegamento e familiarización coa linguaxe escrita son probablemente prematuras e polo tanto deben ser deseñadas e executadas con máximo coidado e respecto polos ritmos individuais.

Na EEI de Taboexa fúxese entón da hiperacademización da etapa (2), se ben, nun esforzo para facilitar o paso a primaria, no derradeiro curso deséñanse actividades relativas á adquisición da conciencia fonolóxica e á fmiliarización co proceso lectoescritor,  sempre dende o o respecto ao individuo e aos principios pedagóxicos expostos neste documento  [2].

De todos xeitos hai que dicir que todo neno/a inmerso na súa actividade espontánea de xogo e movemento está realizando prepración para a etapa escolar, a cantidade e complexidade de aprendizaxes envoltos na actividade infantil é inconmensurable, limitar a nosa atención á lectoescrita é moi reducionista. Hai que evitalo, hai que traballar e confir, traballar e confiar…

 

O plurigrado

O feito de mesturar crianzas de diferentes idades é un gran recurso educativo que lamentablemente non se utiliza en Primaria. O plurigrado favorece o respecto aos ritmos madurativos individuais porque non encasilla ás crianzas polo seu ano de nacemento. O plurigrado propicia a axuda mutua, o que beneficia non só ás pequenas porque as maiores empodéranse ao sentirse competentes,  melloran a empatía, e, a nvel de aprendizaxe, reorganiza o seu corpus de coñecementos no esforzo de comunicalos de xeito eficaz. Así aprende tamén.

 

Periodo de adaptación

Cada inicio de curso  chegan novas crianzas que probablemente non estiveron nunca escolarizadas, por tanto é un momento trascendente na súa vida, ábrese ante eles un novo mundo onde non está a mamá. Novos espazos, novas persoas, novos horarios…é a vida escolar, que durará, alo menos, 12 anos. Paga a pena deseñar e xestionar este momento con moito coidado, empatía e calma, ofrecendo seguridade e confianza e con gran respecto polo esforzo que está a facer. Neste proceso están implicados tamén, ademáis da crianza, a mestra, a familia e o resto do grupo.

Pero cada inicio de curso tamén hai outro grupo de crianzas que veñen de pasar o verán, veñen do tempo non estruturado, se cadra as súas circunstancias de vida mudaron…. Non son tan pequenas como as novas pero tamén son pequenas. Xa coñecen a Escola pero tamén hai cambios, faltan compañeiros/as, e hai nenos novos que absorben a atención da mestra. Hai tamén un periodo de adaptación para eles.

O periodo de adaptación vai mási aló da flexibilización horaria para as novas incorporacións. É un esforzo colecctivo por reconfigurar o grupo e encamiñar un novo curso, comprensón dos límites, hábitos rutinas, actividades, tareas, responsabilidades. É un periodo complexo e longo que paga a pena transitalo a conciencia, pois sentará bases sólidas para que o transcurso do curso escolar sexa harmónico e distendido. A Escola poderá suxerir ás familias, alongar a flexibilización horaria do novo alumnado durante todo o primeiro curso de escolarización.

 

 

Fins e Obxectivos

Os fins e obxectivos da Escola de Taboexa extráense case que literalmente dos establecidos polo currículo establecido polas autoridades educativas (4) Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 23 de xuño de 2009).

1. A finalidade da educación infantil é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas e dos nenos.

2. Na educación infantil atenderase progresivamente ao desenvolvemento afectivo, ao movemento e aos hábitos de control corporal, ás manifestacións da comunicación e da linguaxe, ás pautas elementais de convivencia e relación social, así como ao descubrimento das características físicas e sociais do medio. Ademais, facilitarase que nenas e nenos elaboren unha imaxe de si mesmos positiva e equilibrada e adquiran autonomía persoal.

3. Potenciarase a transmisión daqueles valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a xustiza, a prevención de conflitos e a súa resolución pacífica, a non-violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como o desenvolvemento da igualdade de dereitos e oportunidades e o fomento da igualdade entre homes e mulleres.

 

 

Metodoloxía

Non é o mestre o que ensina, e a crianza a que aprende nunha actividade construtiva persoal que depende de:

1.     O nivel de maduración orgánica xeral ou estrutura fisiolóxica

2.     Os coñecementos previos

3.     As habelencias

4.     A actitude e motivación

A traves do xogo, o movemento e a creatividade as crianzas preescolares experimentan, exploran e descubren propiedades, relacións, leis físicas…, en consecuencia, constrúen os seus esquemas de coñecemento

O papel da mestra é moi importante á hora de facilitar e encamiñar esas aprendizaxes. Ela observa qué é o que impulsa a un neno/a a acción e á experimentación,e a partir de esa observación rigurosa e sistemática:

1.     Deseña espacios e tempos

2.     Ofrece materiais e actividades

3.     Secuencia dificultades

Nunha dinámica circular que a leva a revisar e mellorar permanentemente as propostas, así, a aprendizaxe que se autoimplusa polo patrón interno do neno que o leva, coa nosa colaboración e control, a apropiarse de novos coñecementos e habelencias.

A autonomía é un concepto cheo de significado na Escola de Taboexa. Alude á habilidades físicas e ao librepensamento. É fin e medio. Na Escola ofrése á crianza a axuda xusta para que a crianza avance. Todo axuda innecesaria é un obstáculo para o desenvolvemento (María Montessori).

A motivación é compoñente imprescindible da aprendizaxe. Por norma as crianzas preescolares manteñen un  nivel alto de motivación se se respecta as súas necesidades e inclinacións naturais.

O esforzo. A Escola confía na capacidade das crianzas de desenvolver unha disciplina que pode ser impulsada por motivación interna e tamén, por qué non, dende fora. Así, o alumno/a confía na mestra cando ela o impele á perseverancia e o esforzo encamiñados a un fin que será beneficioso para él/ela. A capacidade de esforzo é, en sí mesma un obxectivo da Escola, sempre acorde ao momento evolutivo.

O espacio como axente educativo

A Escola entende que o espacio é un axente educativo de primeira importancia. Un espazo ben deseñado e organizado:

1.     Favorece a autonomía. Os materiais ao alcance da crianza econsitios fixos e ben comunicados fan posible que ela seautoxestione para realizar as actividades.

2.     Favorece a responsabilidade. Un espacio ordeado debe quedar ordeado ao rematar a actividade. Obxectos fráxiles ou valiosos apelan ao coidado e a responsabilidade na crianza.

3.     Favorece o sentido da beleza. Un espacio belido é o contexto visual óptimo para desenvolver gusto pola beleza e a harmonía. Os materiais nobres apelan ao noso ser conectado coa natureza e ofrecen sensación de benestar e calma. Na Escola de Taboexa o plástico é un material non grato.

4.     Favorecer as distintas agrupacións. Unha aula organizada en diferentas ambientes convida ao alumnado a agruparse dediferente xeito según intereses ou afectos.

5.     Favorece a confianza. Un espazo e materiais deseñados a conciencia para as crianzas ofrece unha atmósfera de confianza que propicia o relax e a distensión, desafios físicos para o desenvolvemento motor, ou propostas de tarea intelectual. Como un autoservicio onde a mestra dispón e a crianza elixe.

O espazo escolar non é só a aula, ou o patio de recreo, na escola de Taboexa consideramos toda a contorna natural e social cercana como espacio escolar. Así son moi frecuentes visitas e saídas.

En particular sinálase a área chamada  Fonte da Moura (Fonte da Cabreira). É unha área de 4.000m2 de monte comunal situada a 500m da Escola. A EEI Taboexa considera esa área como unha extensión do espacio escolar. Ali desenvólvense moitas actividades escolares, especialmente as relacionadas coa Moura de Taboexa.


 

 

 



Actividades

A Programación Xeral Anual ofrece unha visión mais concreta sobre as actividades a realizar cada curso educativo, non obstante todas as programacións responderán ás pautas expostas neste documento

Para que o alumnado sinta confianza sobre a súa presencia na escola, haberá unha estrutura xeral de actividades fixas que se repetirán cada día, ofrecendo unha marco de referencia para as crianzas. Así, elas irán ao cole sabendo qué é o que van facer cada día: As rutinas. As rutinas conforman un cadro de tipos de actividades. Éste repítese diariamente sometida á observación da mestra e flexibilizada por ela según sexa acaído para cada momento.

A xornada estructúrase así en propostas de tempo, espazo, agrupacións e tipos de actividade que articulan o sosego co movemento, a individualidade coa socialización, o xogo libre coa atención dirixida e a concentración coa  distensión.

Polo xeral as rutinas do centro son

1.     Ao chegar ao centro celebramos unha reunión a modo de saúdo incial e planificación do día. (media hora)

2.     Momento de traballo tipo académico individualizado (para os de 6º e/ou 5º, o resto pasa ao punto 3) individualizado e adaptado ás motivacións e necesidades cambiantes (20 m)

3.     Actividade libre nos recunchos do interior da aula (hai 8 recunchos nos que poden estar e xogar según normas de uso e recollida) 1 hora

4.     Almorzo (coa súa preparación previa) e xogo libre no patio. 2 horas

5.     Momento de relaxación e actividade grupal de despedida (conto, cancións, xogos dinámicos…). 45 m.

Estas rutinas que se repiten diariamante van coadxuvando na autonomía individual , na interiorización das normas e na cohesión do grupo, de xeito que, xa no final do primeiro trimestre está preparado para abordar actividades especiais;

Os obradoiros semanais: persoas, nomeadamente familiares,  que veñen a ofrecer unha sesión especial (cociña, manualidades, arte…)

As saídas: na escola de Taboexa as saídas son unha parte fundamental, nomeadamente as saídas á contorna próxima. O monte e a aldea tamén son escola. Saída semanal á Fonte da Moura

As visitas: Convidamos a persoas a visitarnos, compartir o seu tempo e os seus saberes con nós ou ofrecernos unha actuación artística. As crianzas vivencian a acollida a unha persoa dende o punto de vista do anfitrión, aprenden a estar cun extraño, a tratalo ben, a comportarse nunha actuación artística, un paso máis na autonomía e no saber estar.

O/a axudante

O axudante é unha Unidade de Traballo moi común nas escolas da etapa infantil, trátase de que as crianzas, individualmente e por quendas rotativas desempeñen algunhas responsabilidades e disfruten de certos privilexios de maiores.

Na EEI de Taboexa tamén existe a figura do axudante (encargado) e o cometido deste proxecto e

•         Iniciar á crianza na asunción de responsablilidades con crecente grao de complexidade, o que está conectado con

•         Impulsar na crianza a elaboración de un auutoconcepto positivo que o prepare para asumir desafíos de creciente complexidade.

•         Iniciar á crianza na comprensión da necesidade da colaboración nos colectivos.

•         Iniciar á crianza na familiarización coa lectoescrita, o calendario, e outros contidos académicos

O proxecto consiste en que as crianzas, a medida en que se van sentindo competentes (e na medida en que se precise na escola) asumen a función de axudante que consiste en:

•         Ao entrar no cole colocar os coxíns para facer a asemblea inicial e por unha toalla limpa. A suxa vai para a súa casa a lavar.

•         Cando xa están todos o case todos os nenos indicar que se senten (e os nenos han de facelo)

•         Pasar lista a ver quen víu e quen falta (1º tarea escolar de lectoescrita)

•         Establecer (con tarxetas) as rutinas do día

•         Elexir a actividade final (conto, música ou xogos)

•         Rodear o día no calendario.

•         Ao rematar o recreo, mentres os compañeiros recollen os xoguetes do patio, él entra na aula a gardar os coxíns, recoller as tarxetas e elixir o conto, así como coller un vaso de auga para a mestra.

•         axudar á mestra, tanto na loxística do conto como no relato/dramatización.

•         Algunha outra responsabilidade que a mestra lle asigne

•         Algunha aque outra actividade especial para él: a árbore xenealóxica,unha masaxe de todos, que lle fagan un agasallo (debuxo, pulseira, etc)

 

Esta Unidade de traballo ten gran importancia na escola infantil porque marca de forma nautral e autoxestionada  un hito, quizais o primeiro, en canto ao nivel no que se sitúa unha crianza na escola: cando unha nena pasa a ser axudante, a súa vida na escola dá un xiro , pois empeza a traballar (exercicios académicos despois da asemblea incial), antes de xogar nos recunchos, como facía antes directamente e como seguen a fecer os máis pequenos.

Estímase que as crianzas comezan a ser axudantes no curso intermedio. No caso de que un meniño queira ser axudante no primeiro curso non se lle vai impedir, do mesmo xeito indúceselle a un neno do curso alto a que asuma a responsabilidade de ser axudante anque él non queira, non é habitual pero ás veces danse estes últimos casos en nenos con pouca seguridade en sí mesmos ou con un ritmo madurativo máis lento.

En resumo, o rol de axudante e causa e efecto de un novo impluso na maduración das crianzas, a nivel xeral e no eido académico, e vivénciase con orgullo por ser competente e poder ser útil á comunidade

A Moura de Taboexa e o proxecto VIRAR A MIRADA

Procurando que a escola sexa axente social dinámico, vivo e integrado na comunidade, ésta faise eco das potencialidades educativas existentes na contorna e as incorpora na súa práctica. Sendo Taboexa, terra rica en vestixios prehistóricos de gran importancia, o patrimonio arqueolóxico é fonte de inspiración para moitas actividades, pero en especial o patrimonio inmaterial.

En 2014 a Escola tivo coñecemento da existencia dunha Lenda da Moura: Disque nos montes de Taboexa cerca dos petróglifos e do Castro de Altamira habita unha Moura que garda un feitizo: quen a mire quedará petrificado. Testemuños vivos sosteñen tela escoitado en noites invernías.

O relevante non é se a historia é certa ou falsa, senón as vivencias que nos deixa no seu camiño de transmisión oral, da man das nosas ancestras dende tempos inmemoriais, e a potente experiencia emocional que favorece as aprendizaxes.

E a parte máxica de todo este proxecto é que o alumnado do centro posúe a marabillosa calidade de comprender o Mito da Moura e integralo harmonicamente no seu mundo cognitivo; son crianzas de 3, 4 e 5 anos que aínda non abandonaron a etapa mental da fantasía, de modo que é posible que a Moura se relacione con eles deixándolles mensaxes na fonte onde ela se peitea, visitando polas noites a escola ou deixando agasallos e enigmas, e, o que é chave na presenza permanente da figura da Moura neles, confiándonos a súa filla, Mouri (un monicreque moi realista…), para que sexa unha alumna máis e conviva na escola con eles.

Así unhas cousas nos levan a outras e hoxe en día comezamos cada curso saíndo ao monte porque Mouri, a filla da Moura, non está no cole e hai que ir na súa procura polo monte. Esa é a primeira de numerosas excursións nas que a conta de Mouri e as súas fuxidas, nós gozamos e coñecemos a aba sur de Sanomedio e os seus preciosos recantos. Polo monte topamos a Fonte onde Moura deixa as súas mensaxes, mandados e agasallos para a cativada, polo monte tamén están os petróglifos dos cabalos (Petróglifos da Coutada) e os restos do Castro onde o neno Casimiro topou a Mercurio hai mais de 50 anos. O Mercurio está custodiado no Museo de Pontevedra e todos os anos imos visitalo, na compaña doutros grupos escolares aos que convidamos, ou do mesmo Casimiro. E cara á fin de curso, despois de moitas aventuras, botámonos ao monte durante unha semana (non pisamos a Escola), facemos Montescola, na procura do Tesouro da Moura que finalmente atopamos coa axuda da propia Moura, que nunca se deixa ver, da Raposa Raquel Queizás que cada ano ven a axudarnos polo monte e unhas poucas de mamás ou papás que queren compartir o noso entusiasmo.

Así entón imos tratar de relatar os 3 subproxectos relacionados co patrimonio prehistórico de Taboexa:

A Fonte da Moura

O Mercurio. Exposición itinerante

Montescola e o Tesouro da Moura

 

A Fonte da Moura

Chamamos Fonte da Moura a unha área de monte comunal próximo á escola, cuxo nome éFonte da Careira e alí topamos unha fonte, un bosquete, un prado e dúas pozas. As nosas andanzas deron en concluír que é nesa fonte onde A Moura peitea os seus rubios cabelos co peite de ouro En verdade chámase Fonte da Cabreira e usábase outrora no tratamento do liño.

No 2014 o espazo estaba abandonado e a Escola, ano tras ano, con axuda da Comunidade de Montes, do Concello e das familias, foi acondicionándoo de xeito que hoxe en día se pode considerar un área recreativa comunitaria e tamén e sobre todo, unha extensión física do patio escolar.

Tanto é así que a visita semanal xa forma parte da programación oficial do centro. É o noso campamento base para diversas saídas que, con calquera pretexto (o máis socorrido é a fuxida de Mouri) nos levan a coñecer e gozar da nosa contorna natural e as súas xoias.

Alí as crianzas benefícianse do contacto coa natureza. Cada quen topa o desafío que lle acae mellor para as súas capacidades e inspiracións. O espazo natural preparado anima ao movemento, tan necesario no “cableado” neuronal que acciona nos pre¡ocesos de ensino-aprendizaxe. Asimesmo convida tamén á calma e o sosego, tan necesarios tamén nas nosas vidas. Ás veces encontrámonos con outros seres vivos habitantes da zona: camiñantes matutinos, un rabaño de ovellas, ata pode que vexamos á raposa...

Así cada semana van aprendendo a conducirse nun espazo non-limitado fisicamente, non exento de riscos e con infinitas posibilidades de xogo e actividade. O aproveitamento  é múltiple, xestión de riscos, autocontrol, imaxinación, movemento, xogo libre,  coñecemento do medio... Así mesmo tamén adestran para o proxecto de fin de curso: Montescola.

As familias recollen alí as crianzas á hora da saída.

 

O Mercurio. Exposición itinerante[3]

O Mercurio é unha figuriña de bronce de 12 cm achada no 1976 no Castro de Altamira que hoxe constitúe unha das pezas prehistóricas máis importantes das salas de arqueoloxía do Museo de Pontevedra. Pódese ver unha réplica en pedra na rotonda de Taboexa (saída 287 da A-52).

Cumprindo co mandato da Moura, a gardiá do noso monte, as crianzas levaban uns anos visitando o devandito museo “con intención de recuperalo”. E así, entre fantasías e negociacións entre a mestra e o Museo, éste prestouse a encargar unha réplica para nós. En maio de 2021 realizouse entrega da réplica co ánimo de devolver, dalgún xeito, a peza ao seu lugar. Acompañounos Casimiro, o home que hai 50 anos, sendo un neno, topou semellante achado.

Para a Escola é unha responsabilidade que ilusiona, pois encaixa co propósito do centro de impulsar relacións vivas coa contorna, así que se deseñou o proxecto da exposición itinerante que consiste nunha peaña cunha vitrina e un pequeno texto explicativo que se ofrece durante o 2º trimestre a centros de ensino ou outras entidades da contorna.

O proxecto cobrará senso se a exhibición se acompaña, nalgún grupo, dalgunha actividade de aula ao respecto da historia, prehistoria, etc. (ofrecemos tamén uns moldes caseiros para facer mercurios en arxila ou xeso, unidades didácticas, e outros materiais…). Para ese grupo a proposta esténdese a un convite a visitarnos e coñecer a Escola de Taboexa e a súa contorna natural, chea de encantos: O Castro de Altamira onde apareceu Mercurio, os petróglifos musealizados de A Coutada ou a historia da Moura de Taboexa. Se cadra mesmo se animan a acompañarnos na nosa excursión anual ao Museo de Pontevedra.

O encontro dos dous grupos, crianzas  e maiores, só deixará beneficios: algúns dos alumnos/as do centro convidado son veciños, coñecidos ou parentes dos pequenos, e mesmo pode haber antigo alumnado de Taboexa. Estes gozarán da compaña das crianzas e reforzarán os seus coñecementos de historia a través da contorna propia, impulsando así a valoración da mesma. Por outra banda, as crianzas apodéranse ao sentirse, eles e o seu mundo, obxecto do interese e ao tempo guías  dos admirados maiores.

E así, con espírito de compartir, aprender e valorar o noso, tecendo redes, lanzamos esta invitación para quen a queira atrapar. De momento acompañáronnos grupos do CEIP e o IES pero non descartamos abrir a proposta ao Centro de Día, Clubs deportivos, etc…

 

 

Montescola e o Tesouro da Moura[4]

Montescola consiste nun proxecto de escola na natureza de entre 5 e 10 días de duración.

Xa andado o 3º trimestre acontece algo, xeralmente unha ofensa grande que alguén fai a Mouri ou á súa mamá, que incomoda moito a Mouri e desaparece do cole sen que a topemos por moito que buscamos; o ambiente na escola é de nervios e preocupación ata que unha mañá xa ben entrada a primavera, aparecen unhas misteriosas pegadas no chan que nos dirixen a unha especie de altar cunha poesía, nela, Moura  perdóanos a ofensa e prométenos un final feliz topando a nosa amiga e o Tesouro da Moura.

Así que, despois de realizar diversos traballos relacionados coa Moura e as súas tribulacións,  dispoñemos o material necesario para pasar no monte os días que fagan falta ata topar as pistas que nos conduzan ao tesouro.

Na primeira semana de xuño as actividades escolares trasládanse integramente ao Monte con centro base na Fonte da Moura. Dende alí, todos os días, despois de facer uns exercicios matinais (saúdo ao sol) e algo de traballo na mesa, saímos na procura de pegadas polo monte adiante. Cada día toparemos unha pista que ao final conformarán un mapa que nos conducirá ao Tesouro. Cada día unha excursión, cada día un coñecemento amoroso máis da contorna: O muíño da Cabreira, a Poza da Edreira,  O Coto Morgallón, o petróglifo da Serpe Preñada... De volta xa na fonte, almorzar e xogar nas pozas e no bosquete.  As familias deixan e recollen as crianzas alí mesmo co mesmo horario escolar.

Cando o mapa está completo hai que chamar pola Raposa (narradora oral Raquel Queizás) e marcamos un día para o periplo que alegremente nos conducirá entre pozas, curutos, petróglifos e outros recursos da contorna, ao lugar do Mouro,onde se enclava unha antiga mina que é, para nós, A Cova da Moura, e alá no fondo, Mouri, o Tesouro e a merenda. No tesouro hai uns agasallos moi especiais para as crianzas que marchan para primaria: A Chave do Futuro e unha carta da Moura, texto que nace do corazón da profe con vocación de ánimo para as crianzas que inician unha nova fase na súa vida e se despiden da Moura, de Mouri, da profe, dos compañeiros, e do monte que durante 3 anos os acubillou.

Emocionante aventura a dese día que culmina o proxecto Montescola e pon punto final ao curso escolar, os días que quedan ata rematar o curso, son dunha dóce calma e alegría do traballo feito.

------------------------------------

 

Estes tres subproxectos acompañan as actividades escolares durante gran parte do curso, ano a ano repetimos aventuras, pero lonxe de resultar monótono, cada ano se esperan con ilusión e se viven con matices diferentes e diferentes niveis de madureza. Así no primeiro ano unha crianza simplemente segue ao resto do grupo aproveitando a diversión sen comprender de todo o que acontece, mentres que unha crianza de último ano se identifica profundamente coas aventuras e se implica con gran paixón nelas. Cada ano a escola se abre á comunidade e respira dela tratando de deixar nos corazóns das crianzas a pegada da admiración, o respecto e o agarimo cara á nosa contorna, o berce que nos acubillou como comunidade dende tempos remotos, dende os tempos dos Mouros!

 

 

Acción e seguimento do proxecto

A acción escolar é realizada nomeadamente pola responsable do Centro con puntual participación de mestres especialistas enviados dende o Centro Adscrito.

O Consello Escolar, que é o organo de máxima autoridade no Centro Escolar e está conformado pola responsable do Centro, unha representación do Concello e unha representación das familias, reúnese cada trimestre para

1.        revisar e aprobar, se procede, este documento PEC, a Programación Xeral Anual (PXA), a declaración económica de gastos do Centro e, a final de curso, a Memoria de actividades

2.        Dar seguimento ás obras de mantemento e mellora que realiza o Concello

3.        Calquera outra cuestión que sexa de importancia para a comunidade educativa.

No blog recados da moura, recóllense os documentos de planificación escolar deinterés para as familias (PEC; PXA; Memorias) e publícanse periódicamente reflexións da responsable sobre a acción docente, a infancia e a crianza.

 

 

PEC aprobado en sesion de Consello Escolar en Outubro de 2021

Actualizdo en Outubro de 2025

Karina Mouirño Espiñeira

Responsable de Centro EEI Taboexa























































Ningún comentario:

Publicar un comentario