Teño a honra de ofrecervos esta manchea de pensamentos que a revista IN-FAN-CIA, da Asociación Pedagógica Rosa Sensat, tivo a ben publicarme en setembro do ano 2026 (nº 2.015), grazas á xenerosa intermediación da miña admirada colega Ángeles Abelleira:
Eu teño un aliado silencioso que me axuda na miña labor
docente porque comprende as necesidades das crianzas e responde a elas, e tamén, porque coa súa fasquía bela e
bondadosa, estimula nelas as máis elevadas iniciativas. Maís... non pensedes que é un ser romántico
que habita no mundo das ensoñacións, non, éste meu aliado é pragmático e
funcional e ten os pés na terra ben chantados, non hai detalle que lle escape,
promove a autonomía das crianzas respondendo ás súas iniciativas co material e
as instalacións necesarias .
Para máis bondades o meu aliado non cobra salario nen pide
moito, un esforzo inicial e despois un mantemento regular que responde a unha
atención sostida para confirmar que está funcionando ben ou rectificar aquilo
que non flúe, en fin, para asegurarse de que cumple o seu cometido: colaborar
co patrón de desenvolvemento natural da crianza que a leva cada día a ser máis
autónoma e competente, a coñecerse mellor, a aprender a vivir en comunidade, a
entenderse como parte dun sistema humano e natural e coadxuvar na súa
supervivencia. O mesmo cometido ca min, por iso somos compañeiros.
E quén será ese aliado marabilloso? Un amigo voluntarioso?
Un robot de última xeración?, Non, é moito máis sinxelo, é, o espazo escolar. O
que non somos as persoas, todo o demáis, o ambiente. Nun primeiro nivel, a aula
cos materiais e as condicións físicas, despois o edificio -que inclúe baños,
pasillos e outras estancias, coma o faiado!!!- logo o patio e despois.... ahhhhh
despois vén a contorna próxima, que tamén é espazo escolar para nós e tamén é o
meu aliado, éste coa forza da natureza, esa que as crianzas tan ben comprenden.
En definitiva, o que habitamos máis aló da pel que nos contén como individuos.
Observo con sorpresa que este educador silencioso non é
protagonista de estudios nen politicas educativas que analizan e discuten sobre
formación do profesorado, materiais didácticos, ratios, metodoloxías...máis,
inxustamente, pouca atención recibe o espazo escolar, máis aló do tamaño das
aulas…U-la investigación en políticas públicas que contribúan a mellorar as
condicións físicas materiais e estéticas do ambiente escolar?
O alumnado pasa moitas horas da súa vida dentro da súa aula,
é importante que se sintan cómodos e seguros, hai algunhas investigacións que
identifican un complexo sistema de factores físicos que poden influir nestas
percepcións, os máis estudiados son a acústica, a temperatura, a calidade do
aire e a seguridade. Obviamente estas cuestións son fundamentais e
prioritarias, non obstante, hai moito máis alá disto.
É o terceiro mestre, término que acuñou Loris Malaguzzi (despois
da familia e a mestra), creador das Escolas de Reggio Emilia, para referirse ao
espazo escolar, esa linguaxe que fala en silencio a través de formas cores,
sons e afectos e sensacións do ambiente.
Os espazos educativos han de supoñer, por unha banda, unha
mensaxe de benvida, de acollida, de seguridade e de comprensión onde todas as
persoas se sintan cómodas e así, e só así, poderán brilar as súas
potencialidaes, e, por outra, unha invitación á curiosidade e á investigación,
con capacidade de responder a elas con material e ferramenta/utensilios organizados
e accesibles.
Considero que todo centro educativo de calquera nivel debe
ofrecer ese espazo amable e seguro que convida á creatividade e á
investigación, non obstante, no caso da aula de infantil o precepto é máis
imperativo, pois as crianzas son moi novas e por tanto non teñen ferramentas
persoais de defensa aínda, así que me gusta ver a miña aula, en certo modo, como
un espazo intermedio entre a casa e cole, en realidade como unha casa especial
onde conviven moitas crianzas e eu como unha pseudo-nai, en realidade son unha
das súas adultas de referencia, non o digo por gabarme se non por visibilizar a
colosal dimensión da nosa responsabilidade.
E como facemos logo?, Cómo acadamos ese elevado obxectivo de
inspirar nas mentes infantís a pulsión creativa e investigadora propiciando
unha atmósfera de confianza, cooperación e empatía?
Orde, nobreza, claridade, limpeza, confianza, permiso para
SER.
Todo elo como parte da vida real, práctica, con certo
desorde tamén, con diversidade e variedade. Sobre todo con verdade e
autenticidade, só así conectaremos coa sensibilidade das crianzas. Materiais
reais cos defectos da vida real, con diferentes pesos e cores, non hai que
buscar a homoxeneidade nen a combinación absoluta, a nosa aula é unha aula real
da vida real, ésa que fascina ás crianzas e esa que as agarda para facer parte
dela. Unha aula de verdade con obxectos de verdade. Qué prefire a crianza, as
ferramentas de xoguete compradas ex -proceso para ela, ou as que usan os
adultos? Unha vez asegurada a seguridade optemos sempre pola vida real.
O espazo debe ter unha gran accesibilidade visual dende
todos os ángulos da aula, así como reservar algun recuncho para o recollemento
e a introspección. Tamén debe considerarse a posibilidade de traballar/xogar no
chan. Debe haber espazos diferenciados que propoñan múltiples actividades,
posicións agrupamentos, etc. Na aula de Taboexa se suxiren 6 subespazos, os
recunchos, onde grupos de 2 ou 3 crianzas elixen cada día para xogar. Cada
espazo ten un tipo de material accesible á crianza que convida a un tipo de
actividade, así como unhas normas de funcionamento que as crianzas pouco a
pouco van coñecendo e interiorizando, de xeito que a nosa actividade non
molesta a outros e o recuncho queda disponible cando marchamos. Debe haber
suficientes pero sen atosigar, se temos material abondo, podemos ir gardando
algúns e sacando outros a medida que avanza o curso. As crianzas deben ter
variedade para elixir pero entre un numero manexable de posibilidades. O exceso
aturulla a mente.
Os materiais do que están feitos os xogos, xoguetes, pezas
etc deben ser preferiblemente materiais nobres e primarios: madeira, vidro,
metal, pedra, téxtil… mellor que plastico e derivados sintéticos, pero,
coidado! este precepto non se pode levar ao extremo. A vida real é a mellor
surtidora de material para o xogo das crianzas: chapas de botellas, tapóns de
botella, tapas de frascos, cachos de madeira, os conos dos fíos, corchos, os
turulos das teas e do papel hixiénico, menaxe desbotado, tornillería, cadeas (na ferretería toparás
moito material interesante e barato!), cachos de teas, azulexos pequenos, bolsos
e outros accesorios dos maiores fora de uso, etc etc, Non é preciso gastar
moito diñeiro, só abrir os ollos e estar atentas, os materiais máis
interesantes non os topamos en tendas especializadas se non no día a día das
nosas vidas. Non nos deixemos seducir pola perversa narrativa consumista
disfrazada de novas pedagoxías que nos conduce a gastar o diñeiro en materiais caros
e mobles homoxeneizadores e descontextualizados que ofrecen un aula fotoxénica
con tonos pastel perfectamente combinados. Non é preciso, e, é máis, non
responde ao espíritu de autenticidade que procuramos, ese que nos fai conectar.
A iluminación debe ser natural na medida do posible, a luz
artificial que sexa por recunchos e cálida, é moi interesante deixar algún
punto de luz que as crianzas poidan manexar e así experimentar con ela, basta
unha pequena lámpada de pinza con obxectos ao seu dispor para que experimenten
os efeectos de luz/sombra.
Debe haber prantas na aula, se pode ser, coidadas polas
crianas. Os seres vivos falan entre sí e as prantas convídannos á calma e á
empatía na procura da bondade e da beleza. A natureza é a maior fonte de saúde
e inspiración creativa.
Unha xerra con vasos de auga ao alcance das crianzas é moito
máis que unha xerra con vasos, é a constatación do permiso para moverse e a
aceptación da importancia do benestar do alumnado, María Acaso nos fala das
pedagoxías invisibles, esas que educan en silencio e das que nós, o profesorado
somos deseñadores e responsables.
Levar a cabo un acto pedagóxico non debe nen pode ser nunca
neutral, a decoración da aula, a disposición dos mobles, os materiais que elixo
e os que desboto, cómo os poño a disposición das crianzas, a miña forma de
falar, os tempos que marco, a luz, a temperatura da clase, a porta aberta ou
pechada…e un sinfín de aspectos físicos máis, van a influir na aprendizaxe do
alumnado, no seu impulso creativo e na atmosfera xeral do grupo. Hai que
facerse cargo desta realidade e obrar en consecuencia. Debémosllo á candidez
con que os pequenos seres ao noso cargo se nos entregan.
Coidemos o espazo escolar co mesmo mimo que a nosa casa.
Porque é a nosa casa.
Referencias bibliográficas
Acaso, M. (2018) Pedagogías Invisibles. Catarata
López, S. (2018) Esencia. Khaf
Sobel, D. (2022) Aprendizaje basado en el entrono. Fundación Arquíay789t879
Ningún comentario:
Publicar un comentario