luns, 2 de marzo de 2026

As Rutinas da Escola 1/4

Comezo esta publicación cunha cita de André Stern, fillo do gran Arno Stern, investigador y pedagogo, precursor da Educación Creadora, unha proposta que busca despertar a motivación interna que todos/as temos para crear, deseñar, modificar ou
construir cousas. 
Bueno, o André non é defensor da escolarización, él  presume de non ter ido nunca á escola e saber defenderse -e tanto que sí- ben no mundo, pero eu quería usar esa frase que tanto me gustou do seu libro (1) para introducir o tema das rutinas.
A dimensión temporal é moi dificil de interiorizar para unha crianza da etapa infantil, así entón, a repetición, a rutinas, serven a dous obxectivos; por unha banda aportan seguridade (se hoxe a xornada escolar segue o mesmo patrón que onte, podo inferir que hoxe tamén, ao final do día, virá papá e levarame a casa, non fun abandonado aquí!), e por outra facilitan a medición do paso do tempo, a anticipación do que vai a acontecer e por tanto a apropiación da actividade na escola. Así o cerebro está tranquilo e pode desprazar o foco dende o modo defensa ao modo exploración, a crianza reláxase, pois todo está ben, todo baixo control, abrolla a creatividade e o espíritu explorador e emerxen os seus potenciais.
20 anos  de experiencia, de observación e reflexión constante leváronme a establecer determinadas rutinas na escola, nun balance delicado entre a repetición e a flexibilidade que permita que acontecementos espontáneos poidan desviar a acción escolar hacia lugares non planificados, pero sen perder  a estrutura, que aporta, como antes dixemos, seguridade e sensación de control.
É importante interrumpir o menos posible o fluxo creativo e exploracor das crianzas sexa  individualmente ou en grupo, así a xornada escolar queda organizada en 3 bloques:
BLOQUE 1: Entrada, roda, traballo e recunchos:
Entre 9 e 9 e cuarto entran as crianzas que, no vestíbulo e en compañía das familias que o desexan, poñen as pantuflas e penduran a chaqueta no seu sitio, mentres, o encargado/a(2) semanal prepara os coxíns para facer a asemblea, que nos chamamos a Roda porque nos sentamos en círculo. 
Ás 9.15 comezamos ese momento de saudarnos e preparar o día; anque case todos os días seguimos a mesma estrutura, ésta se nutre cada día de elementos diferentes o que fai que a nosa roda non sexa monótona. O encargado/a pasa lista, planificamos o día, vemos o calendario e, por quendas, saudámonos e contamos algo se así nos prace.
Ao rematar a roda, serán ao redor das 10.00, o grupo divídese: os que traballan e os que van directamente a xogar.  Os que non traballan elixen un recuncho onde ir xogar (crear, o traballo das crianzas en definitiva), sós ou en pequenos grupos de 2 ou 3, e os que traballan van á mesa e... traballan, o qué? cada día é diferente, ás veces poño eu un exercicio/xogo/ficha, e outras veces é a crianza quen elixe o qué facer. Sentan nas cadeiras fronte á mesa e nunha posición pripiamente escolar executan a actividade dirixida con vocación cognitiva. Cada alumno/a vai avanzar en algún aspecto do seu espectro madurativo nalgunha das áreas do coñecemento, todas as crianzas dan un paso adiante dende onde estean, de xeito que, coa axuda da profe, serán  un pouco máis competentes. Esta actividade debe ter unha duración aproximada de 15-20 minutos, despois hai que recoller o material e xa poden incorporarse  aos recunchos coas crianzas máis miúdas: Actividade libre nos recunchos. Non despreciemos este momento, están aprendendo.
BLOQUE 2: Merenda e patio
Ao redor das 11 da mañá observo como está o ambiente e, se o considero oportuno -se non agardo uns minutos-,  anticípolles que faltan 5 minutos para rematar. O que implicará recoller os recunchos, lavar as mans e disporse para merendar.
A merenda é o segundo momento de estar todos xuntos, é verdade que algúns chegan antes á mesa porque recolleron moi rápido -ou tiñan pouco que recoller-, e outros tardan máis. E tamén é certo, que algúns tardan máis que outros en rematar a merenda, por tanto é unha xuntanza moi informal ao redor do feito alimenticio que ten a súa propia entidade chea de significados.
Despois de merendar, van ao patio a xogar,  se chove imos á sala anexa a xogar nas colchonetas. 
Chegou entón á hora do xogo libre no espazo exterior, é actividade libre igual que nos recunchos pero os agrupamentos son variables, a posibilidade de movemento e ruido é moito maior e os materiais tamén cambian, no patio hai area, terra, auga...
BLOQUE 3: Conto e despedida.
Ao redor das 13.00 outra vez observo o ambiente, e se o considero oportuno -e se non agardo uns minutos- anticipo a hora de recoller e  dispoñémonos para encontrarnos de novo todo o grupo. É a hora do conto, ou quizais de cantar ou bailar, en todo caso será sempre unha actividade de todo o grupo. Outra vez, como ás 9 da mañá na asemblea, é unha actividade de todo o grupo. Esta vez a xuntanza anuncia o final do día: despedímonos afectuosa e individualmente e poñemos cazadoras e mochilas, as familias xa van aparecendo, son as 14.00 horas.

E así todos os días, bueno, non todos, os xoves subimos ao monte e xa as rutinas se modifican un pouco a partir das 11 da mañá; e tamén outros días saímos de excursión e tampouco hai rutinas pero fora deses días especiais, todos os días ésta é a estrutura das 5 horas que dura a xornada escolar. Outros días tamén saímos de excursión á contorna próxima ou mesmo en bus.
As crianzas saben a qué veñen ao cole, e teñen un coñecemento intuitivo da duración de cada tramo, iso apórtalles unha sensación de control e dominio sobre a súa propia actividade que propicia que se identifiquen coa escola, que se sintan parte dela.
Así ao longo da mañá os momentos de calma sucéden aos de máis movemento, así como van variando os tipos de agrupamento, posibilitando a relación en parellas, pequenos grupos, gran grupo e mesmo a vivencia individual, todo nunha concatenación de momentos que parece espontánea pero que leva detrás moito estudio, reflexión e propósito.
Quería expor como é un día ordinario na Escola de Taboexa, supoño que é un interés para as familias que, inda que saben que teñen as portas abertas para pasar con nós un rato, terán curiosidade por saber da vida dos seus fillos/as que veñen de deixar o fogar por primeira vez e están construíndo a súa propia identidade e relacións.
Hai que despexar ese aire negativo da palabra rutina como sinónimo de algo aburrido e outorgarlle ese outro matiz positivo de estrutura, de seguridade.
Tamén é certo que a medida que avanza o curso a estrutura vai perdendo presencia porque, por unha banda, medra a compenetración do grupo e as iniciativas das crianzas diversifícanse e acentúanse. Entón podemos ir flexibilizando as rutinas, dado que o grupo vai consolidándose e as persoíñas que o compoñen xa teñen máis confianza e seguridade, a profe tamén confía máis neles e nelas e solta un pouco o control para que voen máis libres.
Os derradeiros días de curso, cando xa está o choio feito, o tesouro da Moura topado, Montescola rematado, entón a sensación de liberdade é maior. É a hora da autorregulación e a confianza, son días moi felices, teñen a placidez do traballo feito e a confianza mutua.
Proximamente publicarei un artigo por cada Bloque temporal para ofrecervos máis detalles, o propósito é, ademáis de tervos ao tanto da vida dos vosos fillos/as no cole,  facervos máis conscientes da infinidade de aprendizaxes que estan acontecendo en cada momento. Eu mesma admírome.



entrevista a Arno Stern por André Stern      

(1) Ritmos y rituales, André Stern  .disponible na escola para préstamo

Ningún comentario:

Publicar un comentario