xoves, 26 de xuño de 2025

Escola da Rata

Eu sempre quixen traballar nunha Unitaria, non sei 
se polo romanticismo dos tempos antiguos (vistos dende o benestar de hoxendía),  máis embebidos de humanidade (presuntamente) e relacións cercanas ou porque sabía que precisaba  bastante independencia para levar a cabo a escola que eu soñaba. Sexa como for  no ano 2014 cheguei a Taboexa chea de ilusión e topei aquí, moitas alfaias, a primeria, a lenda da Moura que me levou da man todos estes anos por camiños de maxia, e despois, unha manchea de familias que ampararon decididamente a miña proposta pedagóxica. Da man dunha desas familias chegou esta foto que sempre atesourei como se ela albergara os segredos que esconden as paredes que hoxe habitamos. Foi Sandra Davila a que me achegou a foto e a ela pedinlle que me falara un pouquiño da historia da escola de Taboexa, a  Escola da Rata. A Rata era o barrio onde está a escola, pero outro barrio maior, As Barreiras, fagocitouno e del só queda o nome da Escola. Velaiquí o seu relato e tamén o meu agradecemento.



O ensino en Taboexa comeza no ano 1755 cando o Sr. Domingo Gonzalez Alonso De Castro,  natural desta parroquia, doa todos os seus bens e depositos bancarios para a creación e mantemento da Fundación Escola da Baldeira, quería que os nenos de esa época tiveran a oportunidade de ir a escola.
Ésta información saqueina do Blog de Alejandro Manuel Miguez Alvarez. 

                                                             Escola da Baldeira

Trás moitos anos de ensino, en 1904 a parroquia de Rubios se desanexa de Taboexa deixando a escola da Baldeira nun lado da parroquia.


En 1909 o concello das Neves reedifica por completo a escola da Baldeira. Anos despois se constrúe a primeira Escola da Rata na zona máis céntrica de Taboexa.

                                                                         1ª Escola da Rata

Recorda a Sra. Emérita Eiró González nacida en 1926 que foi alumna da primeira Rata, que a mestra o estar maior tiña dificultade para vir camiñando todo-los días dende Meder a Taboexa e mandou no seu lugar a súa filla que pasou a ser a nova mestra da Rata e cando ésta non podía vir, viña a súa irmá. Naquela Escola convivían nenas e nenos de distintas idades, aínda hoxe algúns deles con máis de 90 anos lémbranse de ir a escola antes de tempo pois a mestra decíalles os seus pais que podían deixar os máis pequeniños alí aínda que non estaban en idade escolar e deste xeito marchaban máis traquilos a traballar nas leiras, porque non deixaban os pequenos sos nas casas e quedaban sentados alí nun banquiño o lado da mestra.

O Sr. José Alfonso Boullosa que vivía na Carrasqueira no barrio do Casal na casa dos Pelicas, dalles clases na súa casa os nenos daquela zona é cando nese momento Taboexa ten tres zona escolares, na Baldeira na Rata e na Carrasqueira.

Casa dos Pelicas "Escola da Carrasqueira"

Cando solicitan o traslado da escola da Baldeira para unha zona máis céntrica da parroquia, xera tal conflicto entre os veciños que o asunto se leva a pleito, ten que decidir o Ministerio de Instrucción Pública de Bellas Artes Madrid, no cal resolve no ano 1917 que prohibe o traslado da Baldeira e queda polo tanto Taboexa dividida en dous distritos escolares:
*Parte sur a Escola da Baldeira
*Parte norte a Escola da Rata
E esixe que ten que crearse outra escola máis en a Rata.

ANOS 50 60...
Construironse as vivendas para os mestres o lado da 1ª escola da Rata e posteriormente contrúen a escola de arriba con casa para mestres, algúns veciños de Taboexa doaron os terreos de xeito altruísta e tamén traballaron na súa construción.

                                                              Actual escola da Rata en construción


   Escola da Rata Vivendas dos mestres


Deste xeito pasouse de tres escolas mixtas en Taboexa a un ensino dividido por sexos e centralizado no barrio da Rata, na parte de abaixo dúas aulas para os nenos e arriba dúas aulas para as nenas.
En 1962 un decreto esixía que as distintas unitarias e graduadas se concentraran baixo un mesmo director, e máis tarde se inicia o proceso de concentración escolar en as Neves.
Co paso dos anos quedou só a escola de arriba que volveu a ser mixta onde había Educación Infantil e algúns cursos de Educación Primaria.
A día de hoxe tralo paso de moitas xeracións é un orgullo para os veciños de Taboexa seguir contando coa Escola da Rata unha das poucas unitarias que van quedando en Galicia.

o monte Sanomedio que na súa aba Sur alberga dende hai séculos as EScolas de Taboexa
A aba Sur do Monte Sanomedio alberga dende hai séculos as Escolas de Taboexa


Ningún comentario:

Publicar un comentario