mércores, 8 de xaneiro de 2025

feliz 2025!

A noso xeito de felicitarnos o fin de ano en Taboexa consiste en, despois de adornar discretamente con algúns detalles ornamentais (a nai de xián nos axudou a facer coroas de Nadal),  preparar postais de Aninovo, pequenos e sinxelos traballos plásticos que chegarán ás casas dos compañeiros e compañeiras durante as vacacións levando unha mensaxe de agarimo e debuxando un sorriso nos agraciados/as. Amáis do alumnado da Escola, unhas 20 persoas recibirán as nosas postais: O equipo de bombeiros do helicóptero que visitamos en Outubro, a nosa querida amiga Raposa e contacontos Raquel Queizás, o noso amigo por sempre o mago Marco, o Centro Cultural de Taboexa, a Escola de Rubiós, a médica e enfermeira do Centro de Saúde de As Neves, o Centro de Día, as profes especialistas,  o CEIP ... e outras persoas a quen queremos obsequiar. A nai de Xurxo realiza un pequeno obradoiro de papel reciclado, o pai de Rosalía un de esgrafiado e aplicando a creatividade e técnicas adaptadas ás súas idades elaboramos as nosas humildes obras de arte. Cada quen elixe a quén mandará a súa postal. Escribimos nos sobres os nomes das crianzas, Planificamos as acción. A carteira préstase a dedicarnos uns minutos do seu prezado tempo para que as crianzas vivencien o feito real (grazas, carteira). Esta é a nosa principal actividade de fin de trimestre, é ilusionante e cumple obxectivos escolares, saímos da nosa aula e participamos no mundo real. E o derradeiro día de trimestre , con axuda da nai de Baia e Artai, preparamos un deliciosa crema de cabaza inspirados no conto que tanto nos gusta, pomos a mesa e convidamos a todas as familias ao picnic. Sempre tratando de buscar sentido ás nosas actividades e lanzar vínculos co mundo tra-los muros da escola. Feliz 2025 a toda a comunidade!











Ningún comentario:

Publicar un comentario