domingo, 25 de outubro de 2026

coñecendo Taboexa barrio a barrio

Hoxe fomos a Os Píos, Lorena acompañounos polos carreiros do monte para non ir pola carretera, así imos tranquilas e as crianzas poden ser crianzas, asombrarse ante a visión dun cogumelo, dunha píntega morta, acarrexar cortezas de eucalipto non se sabe para qué nin porqué, correr un pouco ou ir despacio según o temperamento de cada quen ou a condición do día. Vimos 2 muiños, os dous en ruinas..., vimos o canastro, tamén en ruinas, -vaia vaia, qué pasa co noso patrimonio?-, vimos a poza de regadío, as galiñas... pero o máis bonito  foi encontrarnos coa señora Carme e con Sandra que nos trataron con moito cariño.

Hoxe botamos a andar este novo proxecto da escola coa valiosa axuda e acompañamento de Lorena, da comunidade de Montes de Taboexa. O propósito e dar a coñecer a parroquia, a contorna social do cole para transmitir implícitamente ao alumando, que os barrios, as casas, a veciñanza, e o patrimonio son importantes, por iso a Escola os visita. O propósito é ese, que o pasemos xenial, que afortalemos os lazos que nos unen e que repartamos alegría a quen nos encontramos no camiño, iso xa son efectos colaterais, máis non por iso menos importantes.

Voltamos ao cole moi contentas pola vivencia e ilusionadas coa vindeira saída, qué barrio nos tocará desta vez?








Ningún comentario:

Publicar un comentario