Ter 3 anos en Taboexa é xenial. As crianzas poden vir ao cole ás 9 ou ás 10.00, o que se adapte mellor á dinámica familiar. Arredor das 10.00, despois da roda, encontro onde compartimos as nosas anécdotas e planificamos o día, van xogar aos recunchos, alí cada día elixen o espazo da aula onde desenvolverán os seus impulsos creadores, tranquilamente. Arredor das 11 a profe avisa de que vaian pechando o xogo porque se aproxima a hora do almorzo: 5 minutos!. Así, a orde de recoller non os toma por sorpresa.
Despois do almorzo xogan no patio, alí poden correr e falar alto, un pouco máis de expansión, que boa falta lles fai, son cachorros!. Ás 13.00 aproximadamente, recollen os xoguetes do patio e chega a hora do conto -ou de cantar ou bailar...-. Entón hai que conter a necesidade expansiva e focalizar a atención na narración. A profe trata de facer unha actuación atraínte sen traspasar os límites da elegancia literaria, e as mensaxes éticamente responsables; é un exercicio delicado de balance entre a diversión e a concentración, pero ese é traballo da profe, o a crianza de 3 anos só se deixa levar pola historia.
Soa ben verdade? xogar dentro da aula, merendar, xogar fora da aula, e para rematar un conto. aquíé onde intervén con forza a calidade da nosa mirada: poderíamos concluir: "Vaia, pois non fan nada, pasan odía xogando" (cantas veces o escoitei...). Máis se pomos as gafas de irar á infancia, e é o noso deber facelo, atravesamos a apariencia de facilidade pracer e podemos identificar innumerabeis esforzos e aprendizaxes que lles permiten adaptarse ao mundo escolar ao tempo que puxan del no seu proceso evolutivo, está medrando. E sobre todo vemos a resposta respectuosa ás necesidades dunha crianzas de 3 anos.
O neno chega ás 9 da mañá (pode chegar ás 10.00 se o decide así a familia) e saúda, aprendendo así o bo trato e as convencións sociais, senta no seu sitio no vestíbulo e saca os zapatos e pon as pantuflas, pode que non saiba facelo porque en casa fanno por él. Pero no cole non. Aprende a por as pantuflas. Non é fácil para un meniño pequeno, cada unha no pé axeitado, dereita e esquerda, qué lonxe está aínda de integrar eses conceptos!. Tamén debe pendurar a mochila no seu sitio e entrar á aula para agardar que o encargado/a mande sentarse. Pode mirar un conto ou montar un quebracabezas. Non pode xogar co material que él queira, pois só serán uns minutos ata que comeze a roda. Non pode berrar nen correr dentro da aula. Pedirlle a un neno de 3 anos que se despraze camiñando e non correndo e moito pedir. Eu seino. Mais debo asegurar un ambiente adecuado para todas as crianzas, tamén para as que precisan unha atmósfera de calma. Son moi flexible con esa norma a cambio de ver que él intenta conterse, intenta alo menos. Conter o impulso irrefrenable de movemento e expansión é un esforzo moi importante para unha crianza de tres anos, se non o vemos non entendemos nada, se non llo pedimos, non lle axudamos a madurar.
Sentamos todos e comeza a roda, son arredor de 30 minutos tratando de estruturar unha conversa colectiva sobre anecdotas persoais, reflexións sobre acontecementos do día anterior, planificación do día, ou anticipación do que virá nos vindeiros días ou semanas (saídas, aniversarios, vacacións....). Non é fácil para un meniño de 3 anos manter a atención e a postura durante media hora. Un gran esforzo. Outra vez o mesmo, conter a necesidade de expansión.
Ao remate da roda e despois de gardar o coxín no sitio, entón sí, xa pode xogar, pero non de calquera maneira, debe elexir o recuncho onde vai ir ese día (hai 3 recunchos principais) e nel quedará ata a hora de recoller, mañá poderá ir a outro recuncho pero hoxe debe reterse no recuncho elixido. Non é fácil, as crianzas son expansivas e tenden a experimentar con TODOS os elementos ao seu redor. Entón durante unha hora xoga libremente no rechuncho, libremente con todas as limitacións que impón a vida en sociedade, hai que manter un ambiente calmado aointerior da aula, hai que tratar adecuadamente o material e por suposto hai que tratar ben as persoas. Por outra banda, xogar con outros é máis gratificante que xogar sós, pero ten unha dificultade non menor: hai que saber compatibilizar os intereses propios e alleos, e iso, para unha crianza en plena etapa egocentrica* é unha tarea monumental.
E despois de xogar no recuncho imos tomar o almorzo pero ai ai ...antes de almorzar....hai que recoller: Centos de obxectos deben voltar ao sitio, hai que organizarse para recoller, non é fácil nen apetece en absoluto, era mellor ir directamente a almorzar, pero Ana precisa a aula recollida para poder limpar (Sí, o cole está limpo todos os días porque pola tarde ven a limpadora a deixalo en condicións para o benestar das crianzas)...hai que por os zapatos, un esforzo considerable para moitas crainzas, hai que lavar as mans... entón sí xa podemos merendar.
E seguimos coa contención e o acomodamento ao grupo: ata para merendar hai normas neste cole! merendamos sentados/as, se comeza o bocata (pódese cortar pola metade) ten que rematalo, o mesmo para unha mazá ou para un iogurt, plátano, etc, por tanto antes de dar o primeiro mordisco debe preguntarse a sí mesmo/a se ten fame abondo. O que se empeza se acaba. E anque unha persoa remate a merenda debe agardar a que acaben 2 ou 3 para poder levantarse da mesa. Entón de novo a mochila ao sitio, os restos orgánicos ao composteiro, os de plástico ao plástico, e, se vai sol, hai que por a gorra. Hai crianzas que rexeitan a gorra na cabeza, moléstalles, máis teñen que pola. a saúde por riba da comodidade, ahí a profe é firme e a crianza acata. Algúns opoñen mais resistencia que outros pero acaban por integrar que non hai debate posible, a profe manda. Entendo que hai unha comprensión íntima de que velamos polo seu ben.Tamén é un descanso par eles/as. Finalmente aceptan a indicación. Descansan.
Por fin pode a crianza en cuestión xogar libremente e desenvolver os seus impulsos. Efectivamente, o tempo de patio é o espazo-tempo co menos restriccións de toda a xornada, as mínimas referidas á convivencia: non se pode tratar mal a ninguén. Nen aos obxectos. Iso tamén hai que aprendelo, quizás o menino quere xogar a correr, pero o outro quere xogar a facer un pastel....ou a menina quere xogar coa compañeira, máis a compañeira prefire xogar co outro, a outro xogo, ou sentarse...hai que encaixar a frustración.
Encaixar a frustración vai ser a gran tarea do meniño. Porque quere xogar e agora é a hora de merendar, porque quere xogar co material que ten outro compañeiro, porque quere seguir xogando e hai que recoller, porque o compañeiro non quere xogar ao mesmo xogo que quere el, ou non quere xogar con el, ...multiples situacións nas que aprenderá a someter os seus desexos ás condicións do momento.
Acaba o tempo de xogo debidamente anticipado e toca de novo recoller. Naturalmente non apetece. Pero todos o fan e o meniño comprende que hai que facelo. A forza do colectivo.
E se se lle escapa un pis? Ah, se fai pis por él, cousa que acontece a cotío, terá que pacticar unhas cuantas leccións a máis. desvestirse é relativamente fácil, vestirse non tanto, cada prenda ofrece unha dificultade propia, os calcetíns son unha tortura para unha crianza pequena, os pantalóns...ver a unha crianza pequena tratar de meter a roupa sucia nunha bolsa de plástico é un espectáculo, é unha lección para a mestra. Ao noso (da crianza e do adulto) favor temos que a crianza non parou de aprender cousas e de esforzarse dende que naceu e ten unha paciencia infinita para intentar mellorar e ser máis competente cada día. Sen resentimento algún.
Finalmente, ao redor das 13.00 horas, chega o tempo do conto, despois de recoller dispómonos para a introspección. Sentamos no recanto dos contos no patio e pechamos os ollos, quietos e calados. Superdifícil. É un minuto, un minuto no que percibimos sons que antes non escoitabamos -cantos amigos paxariños- e tamén sentimos como o noso corpo desacelera e calma, e así disponse para a escoita atenta e activa. A profe conta un conto, poden ser 20 minutos ou 40, depende da concentración do grupo, depende da capacidade de atracción da narración, depende do día, depende do tempo, depende, pero todos os días experimentamos un rato de calma antes de despedirnos.
Finalmente chega a despedida e con ela a derradeira lección deste meniño que semella que pasou toda a maña a xogar, a profe despide individualmente a todas as crianzas e para iso fan un fila. Facer unha fila. Fila, qué é iso? hoxe o aprenderás, como todo o demáis.
Non nos estranemos de que o neno chegue a casa cansado, foi un esforzo moi grande para unha criatura tan pequena. Unhas aprendizaxes que lle van valer, máis alo da, vida escolar, para a vida real. Porque se a escola non prepara para a vida real é unha escola inútil. Esas aprendizaxes deben quedar ben asentadas, envoltas nunha impresión de benestar e respecto, así lonxe de esquecerse, transfórmanse en hábitos. Proximamente accións cotiás como saudar ás persoas, colocar as cousas no sitio, recoller, por a gorra, lavar as mans antes de comer, merendar sentados, separar o lixo, relacionarse cos demáis, aceptar as indicacións da figura de autoridade, facer silencio un rato, quedar o corpo inmóbil, ser coherente coa decisión tomada, etc, farán parte do seu xeito de conducirse sen que haxa que pelexar a cada minuto con él. Habitos de saúde e convivencia. Non é pouco: unha boa base, primordial para a vida e necesaria para consturir sobre ela as vindeiras aprendixaxes escolares: sumar, restar, as letras, partes da flor, o universo etc etc.
Hai que ir por partes, pouco a pouco e sentando bases firmes
A vindeira vez que escoitemos: "non fan nada, pasan o día a xogar", podemos tan só sorrir, ou ofrecer as gafas de mirar a infancia se nolas aceptan.
Ningún comentario:
Publicar un comentario