docente porque comprende as necesidades das crianzas e responde a elas, e tamén, porque coa súa fasquía bela e bondadosa, estimula nelas as máis elevadas iniciativas. Maís... non pensedes que é un ser romántico que habita no mundo das ensoñacións, non, éste meu aliado é pragmático e funcional e ten os pés na terra ben chantados, non hai detalle que lle escape, promove a autonomía das crianzas respondendo ás súas iniciativas co material e as instalacións necesarias .
Para máis bondades o meu aliado non cobra salario nen pide moito, un esforzo inicial e despois un mantemento regular que responde a unha atención sostida para confirmar que está funcionando ben ou rectificar aquilo que non flúe, en fin, para asegurarse de que cumple o seu cometido: colaborar co patrón de desenvolvemento natural da crianza que a leva cada día a ser máis autónoma e
competente, a coñecerse mellor, a aprender a vivir en comunidade, a entenderse como parte dun sistema humano e natural e coadxuvar na súa supervivencia. O mesmo cometido ca min, por iso somos compañeiros.E quén será ese aliado marabilloso? Un amigo voluntarioso?
Un robot de última xeración?, Non, é moito máis sinxelo, é, o espazo escolar. O
que non somos as persoas, todo o demáis, o ambiente. Nun primeiro nivel, a aula
cos materiais e as condicións físicas, despois o edificio -que inclúe baños,
pasillos e outras estancias, coma o faiado!!!- logo o patio e despois.... ahhhhh
despois vén a contorna próxima, que tamén é espazo escolar para nós e tamén é o
meu aliado, éste coa forza da natureza, esa que as crianzas tan ben comprenden.
En definitiva, o que habitamos máis aló da pel que nos contén como individuos.
Observo con sorpresa que este educador silencioso non é
protagonista de estudios nen politicas educativas que analizan e discuten sobre
formación do profesorado, materiais didácticos, ratios, metodoloxías...máis,
inxustamente, pouca atención recibe o espazo escolar, máis aló do tamaño das
aulas…U-la investigación en políticas públicas que contribúan a mellorar as
condicións físicas materiais e estéticas do ambiente escolar?
O alumnado pasa moitas horas da súa vida dentro da súa aula,
é importante que se sintan cómodos e seguros, hai algunhas investigacións que
identifican un complexo sistema de factores físicos que poden influir nestas
percepcións, os máis estudiados son a acústica, a temperatura, a calidade do
aire e a seguridade. Obviamente estas cuestións son fundamentais e
prioritarias, non obstante, hai moito máis alá disto.
É o terceiro mestre, término que acuñou Loris Malaguzzi (despois
da familia e a mestra), creador das Escolas de Reggio Emilia, para referirse ao
espazo escolar, esa linguaxe que fala en silencio a través de formas cores,
sons e afectos e sensacións do ambiente.
Os espazos educativos han de supoñer, por unha banda, unha
mensaxe de benvida, de acollida, de seguridade e de comprensión onde todas as
persoas se sintan cómodas e así, e só así, poderán brilar as súas
potencialidaes, e, por outra, unha invitación á curiosidade e á investigación,
con capacidade de responder a elas con material e ferramenta/utensilios organizados
e accesibles.
Considero que todo centro educativo de calquera nivel debe
ofrecer ese espazo amable e seguro que convida á creatividade e á
investigación, non obstante, no caso da aula de infantil o precepto é máis
imperativo, pois as crianzas son moi novas e por tanto non teñen ferramentas
persoais de defensa aínda, así que me gusta ver a miña aula, en certo modo, como
un espazo intermedio entre a casa e cole, en realidade como unha casa especial
onde conviven moitas crianzas e eu como unha pseudo-nai, en realidade son unha
das súas adultas de referencia, non o digo por gabarme se non por visibilizar a
colosal dimensión da nosa responsabilidade.
E como facemos logo?, Cómo acadamos ese elevado obxectivo de
inspirar nas mentes infantís a pulsión creativa e investigadora propiciando
unha atmósfera de confianza, cooperación e empatía?
Orde, nobreza, claridade, limpeza, confianza, permiso para
SER.
Todo elo como parte da vida real, práctica, con certo
desorde tamén, con diversidade e variedade. Sobre todo con verdade e
autenticidade, só así conectaremos coa sensibilidade das crianzas. Materiais
reais cos defectos da vida real, con diferentes pesos e cores, non hai que
buscar a homoxeneidade nen a combinación absoluta, a nosa aula é unha aula real
da vida real, ésa que fascina ás crianzas e esa que as agarda para facer parte
dela. Unha aula de verdade con obxectos de verdade. Qué prefire a crianza, as
ferramentas de xoguete compradas ex -proceso para ela, ou as que usan os
adultos? Unha vez asegurada a seguridade optemos sempre pola vida real.
O espazo debe ter unha gran accesibilidade visual dende
todos os ángulos da aula, así como reservar algun recuncho para o recollemento
e a introspección. Tamén debe considerarse a posibilidade de traballar/xogar no
chan. Debe haber espazos diferenciados que propoñan múltiples actividades,
posicións agrupamentos, etc. Na aula de Taboexa se suxiren 6 subespazos, os
recunchos, onde grupos de 2 ou 3 crianzas elixen cada día para xogar. Cada
espazo ten un tipo de material accesible á crianza que convida a un tipo de
actividade, así como unhas normas de funcionamento que as crianzas pouco a
pouco van coñecendo e interiorizando, de xeito que a nosa actividade non
molesta a outros e o recuncho queda disponible cando marchamos. Debe haber
suficientes pero sen atosigar, se temos material abondo, podemos ir gardando
algúns e sacando outros a medida que avanza o curso. As crianzas deben ter
variedade para elixir pero entre un numero manexable de posibilidades. O exceso
aturulla a mente.
Os materiais do que están feitos os xogos, xoguetes, pezas
etc deben ser preferiblemente materiais nobres e primarios: madeira, vidro,
metal, pedra, téxtil… mellor que plastico e derivados sintéticos, pero,
coidado! este precepto non se pode levar ao extremo. A vida real é a mellor
surtidora de material para o xogo das crianzas: chapas de botellas, tapóns de
botella, tapas de frascos, cachos de madeira, os conos dos fíos, corchos, os
turulos das teas e do papel hixiénico, menaxe desbotado, tornillería, cadeas (na ferretería toparás
moito material interesante e barato!), cachos de teas, azulexos pequenos, bolsos
e outros accesorios dos maiores fora de uso, etc etc, Non é preciso gastar
moito diñeiro, só abrir os ollos e estar atentas, os materiais máis
interesantes non os topamos en tendas especializadas se non no día a día das
nosas vidas. Non nos deixemos seducir pola perversa narrativa consumista
disfrazada de novas pedagoxías que nos conduce a gastar o diñeiro en materiais caros
e mobles homoxeneizadores e descontextualizados que ofrecen un aula fotoxénica
con tonos pastel perfectamente combinados. Non é preciso, e, é máis, non
responde ao espíritu de autenticidade que procuramos, ese que nos fai conectar.
A iluminación debe ser natural na medida do posible, a luz
artificial que sexa por recunchos e cálida, é moi interesante deixar algún
punto de luz que as crianzas poidan manexar e así experimentar con ela, basta
unha pequena lámpada de pinza con obxectos ao seu dispor para que experimenten
os efeectos de luz/sombra.
Debe haber prantas na aula, se pode ser, coidadas polas
crianas. Os seres vivos falan entre sí e as prantas convídannos á calma e á
empatía na procura da bondade e da beleza. A natureza é a maior fonte de saúde
e inspiración creativa.
Unha xerra con vasos de auga ao alcance das crianzas é moito
máis que unha xerra con vasos, é a constatación do permiso para moverse e a
aceptación da importancia do benestar do alumnado, María Acaso nos fala das
pedagoxías invisibles, esas que educan en silencio e das que nós, o profesorado
somos deseñadores e responsables.
Levar a cabo un acto pedagóxico non debe nen pode ser nunca
neutral, a decoración da aula, a disposición dos mobles, os materiais que elixo
e os que desboto, cómo os poño a disposición das crianzas, a miña forma de
falar, os tempos que marco, a luz, a temperatura da clase, a porta aberta ou
pechada…e un sinfín de aspectos físicos máis, van a influir na aprendizaxe do
alumnado, no seu impulso creativo e na atmosfera xeral do grupo. Hai que
facerse cargo desta realidade e obrar en consecuencia. Debémosllo á candidez
con que os pequenos seres ao noso cargo se nos entregan.
Coidemos o espazo escolar co mesmo mimo que a nosa casa.
Porque é a nosa casa.
Compráceme compartir o texto que a prestixiosa revista de pedagoxía, IN-FAN-CIA, da Asociación Pedagóxica, Rosa Sensat, tivo a ben publicarme grazas a intermediación da admirada colega Ángeles Abelleira, no seu número de Setembro de 2026
Referencias bibliográficas
Acaso, M. (2018) Pedagogías Invisibles. Catarata
Sobel, D. (2022) Aprendizaje basado en el entrono. Fundación
Arquía





.jpeg)
.jpg)


Ningún comentario:
Publicar un comentario