mércores, 25 de xuño de 2025

os derradeiros días de curso...

....e despois do gran día da Procura do Tesouro da Moura coa raposa Raquel Queizás inda quedaba outra vivencia, que non por ser calmada é menos importante: os derradeiros días de curso.

Hai xa anos que me decatei do gran erro que era asignar o derradeiro día de curso para o evento de despedida (festival, festa, ertc...) . Eu ben vivín como as emocións do evento chocaban coa emoción propia do derradeiro día e unhas non deixaban disfrutar das outras, interferíndose mutuamente.

Sí, lembro, cando inda facía festivais de fin de curso, que o festival non era o último senon o penúltimo día, para poder deixar vivir a emoción propia do último, do derradeiro.

Hoxendía, despois de anos de experiencia, non deixo un día para disfrutar do último senon máis dunha semana (tamén se deixa espazo polo imprevistos derivados da chuvia, lemrbése que as nosas actividades de despedida de curso son fora, no monte) para saborear esa emocion especial que inunda o corpo e non sabemos nomear, pero sí identificamos con claridade, este ano máis que nunca: é unha calma especial, unha compenetración especial da mestra co grupo e do grupo entre sí. É a emoción de diluir a estrutura de rutinas do cole e deixarse levar a traves do tempo, é o tempo de apropiarse do espazo e degustalo con calma. É a conciencia diluída de estar a vivir momentos irrepetíbeis na nosa vida. Os que marchan para primaria están a vivir, se cadra, a primeira despedida da súa vida, eses nervios, esa incertidume intrincada con ilusión...

Este ano souben identificar esa sensación e comprendín a importancia dos últimos días sen actividade específica, os días de disfrutar-nos

Tamén son os días de recoller e, nun esforzo colectivo organizado, pomos o cole patas arriba: todos os andeis e armarios son baleirados para que Ana a limpadora poida facer o seu traballo a fondo, levantamos as colchonetas e, efectivamente, vemos como a pelusilla e o pó se foron acumulando.Facer os trabllos de intendencia axuda a apropiarse do cole, do espazo e do feito escolar, afonda na consideración hacia outras persoas que fan o traballo que non se ve, Ana no cole e mamá (e papá tamén) en casa. Aquí non se da puntada sen fío, o traballo é por algo. O traballo ten un sentido e a escola tamén.

Os máis pequechos preguntan qué pasa mentres fan o que se lles indica. Explicouse sobradamente (cremos os adultos). Eles non diferencian as vacacions de Nadal, das de Primavera ou éstas. Os maiores sí, os maiores sí que saben que algo importante está a piques de lles acontecer, así andan entre entusiasmados e medoñentos. Ver todo o material escolar fora do seu sitio, ver o cole así, destartalado axuda a ser conscientes do que vai pasar, a explicación se completa.

Despois facemos a fogata e queimamos o vello para dar paso ao novo, debuxamos o gatiño que morreu ou o nome do bisavó, non entenden, ou sí, máis do que cremos.

E finalmente, despois de varios días de piscina, de recoller de querernos máis aínda se cabe, sí, chega o final e o celebramos co picnic, e nos despedimos con moita tranquilidade e alegría, pois levamos semanas facéndoo.

E por se a algún inda non lle chegou de despedidas, ao día seguinte imos durmir ao alto de Sanomedio coas familias de outros anos. E volta a emocionarse e a sentir que o traballo faise por algo.

Feliz verán e ata sempre!











Ningún comentario:

Publicar un comentario