xoves, 2 de xullo de 2026

a derradeira lección do curso

A derradeira semana de curso é especial, moi especial. Non programo nada, ningunha actividade extra, e mira que son amiga de andar de paseo, de recibir visitas e de ofrecer ao meu alumnado experiencias diversas...pois non, non na derradeira semana. Ao longo dos meus anos de experiencia fun descubrindo o valor do sinxelo e pequeno deses últimos días nos que se disfruta do bo sabor do traballo concluído e da emoción polas despedidas.

Tamén compre mencionar a gratitude porque todas as crianzas están ben e a pesar das numerosas saídas e de asumir ríscos físicos os accidentes foron todos superados. Unha sensación de pracidez que se suma ao anterior.

Total que é todo pracer, e, se inda por riba ven calor pois disfrutamos da auga que sempre imprime diversión ás nosas vidas, unha diversión fresca, alegre, non se pode explicar. (preguntade á IA porqué é tan divertido xogar coa auga, ela explícase mellor ca min).

Así ao longo da semana imos entregando as súas pertenzas e os traballos feitos ao longo do curso, tamén repartimos outros obxectos que non deben quedar no cole

acumulándose e que a eles failles ilusión levar, quizas traballos plásticos colectivos, o mapa do Tesouro, a carta da Moura...cousiñas que fomos elaborando ao longo dos 175 días lectivos do curso.

Estas accións van fixando nos máis pequenos a certeza de que esta vez as vacacións van ser diferentes, voltarán si, pero será despois dun tempo longo (comprender o esquema tempo é moi, moi complicado para as nosas crianzas), e, o que é máis importante, os maiores non van estar. Os maiores teñen máis conciencia de que xa non voltan e irán para primaria, pero quén sabe cómo operan esas emocións ao fondo do seu cerebro?..., recoller o cole, levar as pantuflas para casa, a taza, deixar se cadra o mandilón para outro compañeiro...son accións que fixan as ideas que eles teñan sobre o cambio que se achega.

E por se isto non abondara, dende o pasado ano na EEI Taboexa démoslle unha volta máis a este feito e é que recollemos a fondo a aula, movemos os mobles e baleiramos os andeis de material "para que Ana, poida limpar todos os  recantos dos mobles e da aula" (sempre temos presente que hai unha persoa que limpa a diario a aula). No impactante zafarrancho descubren material do que non eran conscientes (ahí é onde tomo nota eu para non acumular material sen sentido). O espazo que ocupa o material desordeado é moi diferente ao que ocupa cando está cada cousa no seu sitio. A visión da aula toda desarrumbada é un golpe de realidade que constitúe a derradeira lección do curso. 

Sin embargo este ano descubrín outra lección que é organizarse para bañarse na piscinada.Non teño fotos porque como vos digo, a derradeira semana é de relax e desfrute íntimo e a ata a cámara queda parada. A verdade xa practicaron na Fonte da Moura: as persoas que queiran bañarse teñen que saber desvestirse e descalzarse, iso é fácil, pero deben ser quen tamén de vestirse despois con roupa seca e tender a mollada no cordel. E sen mesturar as roupas duns coas dos outros!. Ah, e ao día seguinte lembrar que teñen roupa seca no cordel. Hoxe é 2 de xullo e o meu cerebro puxa por despegarse da escola e as súas viscisitudes pero compríría un estudio profundo e en detalle da cantidade de complicacións que ten que superar unha crianza para organizarse. Isto é a vida real, ésta é a derradeira lección do curso: a práctica da autonomía para medrar competentes e responsables de sí propios. Autonomía e responsabilidade tanto para vestirse como para, máis adiante, estudiar, traballar, coidarse e coidar a outros...a vida!.

Despedimos pois, o curso con satisfacción e gratitude, dispostas a descansar e coller forzas para retomar o vindeiro coa ilusión que as crianzas merecen.

Ningún comentario:

Publicar un comentario