dividida en 3 bloques separados por as interrupcións da mestra, minimizadas ao número de 2, e estudiadas ao detalle para que se vivan do xeito máis natural posible. A idea é conciliar o respecto polo fluxo creativo individual e colectivo coas necesitades materiais ou organizativas da escola. Creo que está ben conseguido, ou, alo menos, está deseñado a conciencia, con moita reflexión e coidado.
Ao redor das 11 da mañá, despois de que estiveran
xogando libremente en grupos pequenos nos recunchos (os maiores 45 minutos e os pequenos 1 hora), anuncio a chegada da hora de recoller: 5 minutos!!!! Ás veces algunha crianza aburrida ou famenta pídeme que avance a hora de recoller, outras veces, as máis, contestan: Vale! con resignación ou protesta, según o día. Tamén eu podo alongar ou acortar o tempo de xogo observando a dinamica da aula. As veces paga a pena agardar un pouco, pois obsérvase un ambiente de concentración, creación, entendemento.... que amerita a flexibilización do horario.Entón cada quen recolle, con máis ou menos aceptación, o recuncho onde xogou. Lección de vida real, lección de responsabilidade. Pode que en casa se resistan a recoller pero no cole non teñen esa opción, o exemplo das compañeiras e a solidez da instrución da profe, non deixan dúbida. Finalmente queda a aula recollida e ordenada, lista para o xogo da vindeira xornada.
Seguidamente, sen que sexa precisa unha orde, as crianzas collen a mochila coa merenda* e lavan as mans, chegou a hora do almorzo!. Sentan ordeadamente nos bancos (dentro da aula ou fora no patio, según o tempo) e degustamos os alimentos nun segundo encontro de todo o grupo.
As familias son libres de mandar os alimentos que consideren oportuno, sempre dentro das 2 pautas que marca o cole: saudabeis, e envasados de xeito respectuoso co medio ambiente, por iso non se ve bollería ou papel albal na nosa mesa. Sen estridencias, as familias aceptan mais ou menos gustosas os límites, e...cánto nos admiramos de algunhas merendas supersaudabeis que operan como exemplo para todas, mesmo para a profe.
A medida que van rematando -non é preciso acabar todo o que hai no tupper, en xeral confíase nas crianzas e a súa capacidade regulatoria- poden ir xogar ao patio (se chove, á sala de xogos). Aqui compre deterse a explicar este momento pois está cargado de mensaxes e aprendizaxes: Eu non obrigo a que todos agarden a que o último termine o seu almorzo porque sería excesivo dado que hai nenos/as que rematan rápido e outro extremadamente lentos, e eu debo respectar a todos. Lembrade que estiveron recollendoos recunchos, algúns tartdan moito máis que outros. Pero tampouco deixo retirarse ao primeiro que remata, pois ese neno/a estaría só no patio (mentres o resto está almorzando na aula) sen a miña supervisión. Así que collemos o camiño do medio que en ocasións é xusto, e agardamos a que rematen 3 nenos/as (é unha cantidade orientativa). Eles comprenden que eu quedo máis tranquila porque se pasa algo a algún dos tres, o segundo queda con él e o terceiro ven a avisarme, ou ése é o razoamento que manexamos. A maioría dos nosos argumentos e motivos son perfectamente comprendidos polas crianzas. E mentres agardan, se queren, e case sempre queren, poden abrir noces para os demáis. Abrir noces é un auténtico desafío físico-inteledctual para unha crianza desta idade, e facelo para outros é unha valiosísima práctica de empatía. Cando o compañeiro recibe a noz aberta coa súa fasquía de cerebro (as noces son moi boas para o cerebro, apunta a profe, que non perde oportunidade de exercer), agradece -e velahí outra práctica de bo trato-, grazas, e o outro contesta: de nada cara de empanada! e todos rimos. A risa tamén lubrica a maquinaria psicolóxica das aprendizaxes e deixa un marcador somático que disporá positivamente ao cerebro na vindeira ocasión.
Antes de ir xogar deben recoller os restos da merenda adecuadamente: o plástico (mellor se non hai plástico) ao lixo correspondente, o orgánico ao composteiro, e a mesa limpa,-cun trapo, non con papel!, compañeiras colegas-. Na primavera asistiremos ao prodixio da transformación, bichos mediante, dos restos das merendas en terra rica para o noso xardín. Antes das letras vai a vida real. Aproveitando ás múltiples leccións ue nos dá a natureza.
O almorzo e un momento escolar cun gran valor educativo, cheo de detalles que necesariamente deitan mensaxes no noso alumnado, nós eliximos as mensaxes.
Entón pouco a pouco van indo ao patio (no verán xa almorzamos no patio) e alí teñen entre hora e hora e medio para xogo libre outra vez, agora no exterior, con espazos menos restrinxidos, con outro equipamento (columpio, tobogán, casiña de madeira...) e diferente material: area, terra, auga, paus, caldeiros... que os incitan a xogos de máis movemento e a agrupacións moito máis dinámicas.
Ao redor das 13 -outra vez valoro o ambiente e anticipo ou adío en consecuencia- outra vez o temido aviso: 5 minutos!!!. (5 minutos: qué partícula tan insignificante pero tan cargada de significados: respecto pola actividade infantil, por tanto respeto polas crianzas). Outra vez recollen entre todos/as (o encargado/a non, él ten outro mandato: recoller as tarxetas, levar a toalla para lavar en casa e colocar unha limpa no sitio, escoller o conto e coller un vaso de auga para a profe) e prepararnse (facer pis, beber, quitar as botas se é o caso...) para o derradeiro momento da xornada: o conto.
*Merenda é incorrecto. Seino. Xa moi apuntou a nai de Roi hai anos, pero así como fun quen de superar o castrapo nomeando cadeiras ou luvas, non son quen de corrixir outros vocablos de uso frecuente como merenda ou columpios. Sinto vergoña por isto. Merenda é unha palabra redonda de fácil pronunciación e simpática ao oído; parva é a acepción correcta máis desprovista de significado no noso contexto, e almorzo está cheo de contradicións horarias. Así que prometo intentalo, pois sei que a profe é modelo e debo ser consecuente con iso, máis sendo dificil nun entorno tan castelanizado, falar o galego, facelo con corrección xa é toda unha fazaña. Tentarei corrixir merenda e columpios e agradecerei infinito se algún alumno/a os nomea correctamente porque, por respecto a el/ela, non podería menos que corrixir inmediatamente o erro, veremos que pasa o vindeiro curso. Coa merenda e o columpio. Almorzo e randeeira, ou bambam...


Ningún comentario:
Publicar un comentario