luns, 27 de abril de 2026

folga no ensino

Hoxe é día de folga pero o cole de Taboexa está funcionando
con normalidade. Porque a mestra non quere secundar a folga? Non, porque non pode. Nunca puiden secundar unha folga porque todos os centros escolares deben permanecer abertos con servicios mínimos repectando así o dereito do alumnado á escolarización. Soa ben. Máis qué pasa co dereito á folga ? Parece que prevalecen os dereitos das crianzas por riba dos dereitos dos traballadores. Outravolta soa ben.

Soaría todo a música celestial e representaría unha moi digna posición da patronal, a Xunta de Galicia, se non fora porque o

discurso é interesado e hipócrita, pois non se defenden os dereitos do meu alumnado, por exemplo, cando pido instrucións en caso de indisposición sobrevinda (léase, que me encontro mal ou pincho unha roda ás 8 da mañá) e a inspectora indícame que avise ás familias (polo grupo de wasap, dí ela) de que ese día non hai cole. Ou cando toca falar dos profes especialistas que non veñen á nosa escola e sí aos centros grandes, como o de música ou psicomotricidade, dúas disciplinas de importancia capital na primeira infancia. Nestes casos non prevalecen os dereitos das crianzas. Non hai problema, iso sí, cos especialistas de Relixión (en caso de que haxa matrícula nesa asignatura) e Inglés que non faltan á súa cita con nós, vese que a Consellería as considera máis importantes. 

Tampouco cando se lle solicitan horas liberadas para o traballo adminsitrativo, cada ano máis pesado e absurdo, para o que os equipos directivos de calquera centro teñen horas asignadas, ou cando toca falar de pedir días libres, mesmo os que marca a normativa vixente, e o meu superior sempre dí que NON por necesidades do centro.  Porque tamouco se nos recoñecen méritos pola tarea de direción de centro, como sí se fai cos outros centros. Nestes casos perxudican á mestra nos seus dereitos laborais, pero tamén, indirectamente, ás crianzas, pois acontece que poucos optan polas Unitarias tendo outra opción, de xeito que  estas escolas quedan para os que non poideron acceder ás outras, e os que veñen fuxen en canto poden acceder a un posto de traballo en mellores condicións laborais.

Non se malinterpreten as queixas de sempre: A Unitaria ten vantaxes que compensan sobradamente estes "inconvintes"; non obstante, o maltrato laboral ao que se nos somete, por unha banda, acaba por menoscabar o prestixio destas escolas, tamén entre os aspirantes a profesores/a e por tanto coadxuva na súa desaparición, e por outra, supón unha vulneración flagrante dos nosos dereitos laboraris. É por tanto é o noso cometido, como cidadanía proactiva en favor da democracia posicionarnos ante aquela.

E anque as reivindicacións das centrais sindicais non reflicten apenas (ou nada) a realidade das (pequenas) Unitarias, eu sí secundaría a folga para que a Consellería constatase unha resposta contundente ante os abusos laborais que con diferente fasquía nos diferentes centros (grandes/pequenos, rurais/urbanos) acaban por perxudicar aos de sempre: O Alumnado.

Así é entón que, como non me deixan ir á folga vou traballar, contenta, porque para mín o traballo coas crianzas é un pracer (como non pode ser doutro xeito e outro día falamos de vocacións, entrega e sentido do compromiso e responsabilidade por parte do corpo de porfesorado) pero non pensedes , ao ver actividade escolar en Taboexa, que fago caso omiso á convocatoria.

É porque son servizos mínimos. E máximos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario