xoves, 11 de outubro de 2018

hai hoxe un ano...


Xa o sol deu unha volta arredor de nós dende aquela noite de susto bermello. Mesmo así nos nosos xogos o monte sege a arder unha e outra vez, arden as casas e o cole, arde o planeta enteiro e no mesmo minuto apagamos todo; os lumes mundiais quedan controlados, sofocados e apagados con solo nós dicilo con palabras, que para iso aprendimos dos brigadistas, da motobomba e do helicóptero de extinción.
E así xogando un día tras outro exorcizamos os monstros bermellos, e cun bico agarimoso  durmimos tranquilas porque non vai a arder de novo, pero ao día seguinte xogamos de novo a
que o monte arde, por se acaso así xogando non volte nunca aquela espantosa realidade que hai un ano atrapou ás nosas familias nun agotamento desesperado, negro e rabioso.
Xoguemos entón a amar o monte, a vivir con el e de el, soñemos carballos e bidueiros, regos de auga a correr e gando a pastar, crianzas a xogar e adultos a camiñar, soñemos ao maxestuoso Sanomedio verde e azul mirando ao Norte e ao Sul, sereo e complacido porque todo está en orde, porque o monte xa non arde máis.
15 de Outubro de 2018: os seres que hbitamos a Escola de Taboexa xogamos a que estamos na Praza do Concello de as Neves canda a veciñanza toda,  lembrando o fatal día e berrando LUMES NUNCA MAIS!

Ningún comentario:

Publicar un comentario