mércores, 9 de xuño de 2021

Co fin de Curso chega a Montescola a Taboexa

O ano pasado foi unha necesidade, desconfináronnos pero non reiniciaron as aulas, cómo é posible se as crianzas devecen por verse, e a profe por velas?, pois tirámonos ao monte. Co apoio e a confianza das familias disfrutamos varias semanas da escola do monte, foi todo un descubrimento. O que levaba anos rondándo a cabeza fíxose realidade empuxado pola pandemia. Este ano quería repetir, logo viñeron os medos, que isto da Montescola é moi canso, que este ano son máis, que é un grupo máis dificil ....os pretextos de sempre que nos atrapan na zona de confort.

Así que, outra vez coa confianza e o apoio das familias, do Concello e da Comunidade de Montes, armamos o campamento na Fonte da Moura e alí pasamos as horas de cole na procura de Mouri, das pistas, da Moura, do Tesouro, facemos a roda, saudamos ao sol, traballamos un pouquiño e xogamos xogamos e xogamos, coa auga, coas pedras, cos paus, con todo o que a natureza ofrece para que cada quen dé curos aos seus impulsos, non poucos, de experimentación e aprendizaxe. E tamén, para qeun precise hai descanso e introspección, que non é obrigado estar todo o tempo "on fire".

E dentro duns días aparecerá a  Raposa Raquel Queizás (xa vimos as súas cacas con sementes de cereixa) a axudarnos a topar o Tesouro da Moura, e a Mouri, e a merenda coa que nos agasalla todos os anos ao finalizar o curso, moita maxia, moita alegría e moito amor polo propio. Os montes da Aba sur de Sanomedio quedan contentos de ver corricar estes meniños todos os días. A profe queda escarallada, pero para iso cobra, para facer o máximo polas crianzas, non o máis fácil nen o máis rápido, nen o máis práctico, o mellor, que eles non merecen menos.





















1 comentario:

  1. Que riqueza van atesourar os nosos meniños na súa mente e no seu corazón. Gracias Karina por sair da zona de confort e por regalarnos tantos intres maravillosos 💗

    ResponderEliminar