mércores, 9 de xuño de 2021

por fin, Mercurio!

Foron 4 anos tratando de cumprir o mandato da Moura, de recuperar a Mercurio para os Montes de Taboexa. E cada ano, a alegre decepción de velo detrás dunha vitrina infranqueabel no Museo de Pontevedra, o non poder collelo, non poder devolver a Moura a súa figuriña tan prezada...cada ano a mesma sucesión de sensacións e explicacións: É preciso que o Mercurio estea no Museo para que todas as persoas coñezan o noso pasado.

As crianzas entenden as razóns,-porque as crianzas sempre comprenden co corazón o que ás veces non entenden coa mente-, pero non así Moura, que, furiosa, rapta á Mouri, a súa filla, e temos que andar polo monte días e días seguindo pistas ata rescatala,

e, de paso, topar o Tesouro da Moura, e unha merenda de despedida que ésta nos agasalla, porque en verdade non está enoxada con nós, só quere enredar e ver meniños a corricar polo monte.

A conta do recado da Moura fomos de excursión a Pontevedra no autobús, para moitos a primeira experiencia, ao parque, a camiñar por esa fermosa vila, ao Parque dos Sentidos a Marín, ao Paar de Campolameiro, en fin, que a conta de Mercurio, coñecimos mundo. E hoxe por fin as nosas rogativas dan froito e temos (unha replica) Mercurio para entregarllo a Moura,  E quedamos estranados por tan alta distinción, sen saber moi ben que facer cando o soño está cumplido, sobre todo a mestra que alcanza a valorar o tamaño da implicación do Museo, en especial, da Xefa do departamento de Didáctica, Paula Tilve, no noso pequeno gran proxecto. Agradecida infinito pola túa dedicación, Paula.

E digo pequeno gran proxecto porque confío en que o Mercurio (a réplica), xa de novo na súa terra, despois de tantos anos no exilio da vitrina, será quen de dinamizar o interés e o coñecemento dos valores patrimoniais de Taboexa, deseñaránse entón, para o vindeiro curso, actividades de difusión dos Achados do castro de Altamira, e da exposición da Prehistoria no Museo de Pontevedra, entre o alumnado de Primaria e Secundaria do Concello, quen sabe en qué acabará esta aventura!

E toda esta historieta porque alguns mestres e mestras estamos convencidas de que a escola debe ofrecer ao alumnado o coñecemento e valoración da súa contorna porque quen aprende o seu contexto, con cariño, así aprehenderá calquera outro coñecemento, porque é posible articular os obxectivos e contidos curriculares en torno aos valores que nos rodean, é posible é necesario e é o dereito das crianzas. Por iso, porque traballamos por unha Escola comprometida coa Comunidade, é que argallamos todas estas fantasías, para que no mundo mental dascrianzas menores de 6 anos estean asociados os conceptos de escola, coñecemento, patrimonio e pracer. Así aprenden mellor. É o noso deber de mestras. Anque sexa cansado.















Ningún comentario:

Publicar un comentario