mércores, 8 de febreiro de 2023

pequenos monstros asexan

Algo acontece, inda non escribin un só texto no blog e xa estamos no segundo trimestre.

É certo que o curso se presenta complicado, a súa configuración humana sitúame diante dun gran desafío profesional, as miñas conviccións sobre respectar os ritmos e ofrecer ao alumnado o que precisa polo estadio madurativo confrontan como nunca coas miñas ideas sobre o esforzo, os hitos de aprendizaxe e os stándares de competencia e centracion que eu marco (con flexibilidade , pero sí, marcamos) para o meu alumnado, sobre todo para o

saínte, o que mando para ese mundo incerto e moitas veces cruel que é a primaria nunha escola convencional. A miña presencia na escola muda, xa non é tan relaxada,  non hai condicións para andar coa cámara a elaborar relexións.

Non é menos certo que a adminsistración esté a presionar cada ano máis e máis, cunha esixencia burocrática absurda que nos conduce a elaborar informes e documentación cada vez máis enrevesados e alonxados da nosa realidade, preocupados unicamente por cumplir estándares que veñen de Europa e que uniformizan a todos os centros educativos (imaxinade qué lonxe podemos estar nos dun centro con 300 alumnos de secundaria), un delirio de aplicacións, formularios, protocolos que lonxe de mellorar a nosa prácica e a calidade educativa, arrédanos das persoas a quen temos que atender, arrédanos na nosa función humana de acompañar o medre dunha crianza, especialmente na idade infantil, tan singular e pouco recoñecida no sistema. Arrédanos do noso traballo e resta tempo enerxía para o que de verdade importa  

Xa levamos anos de esixencias burocráticas tipo Plan de Convivencia, Plan de Igualdade,  Plan Lingúistico , e por suposto o protocolo Covid do Centro, etc, etc, eu podería cortapegar calquera documento de outro centro (total non o len, pensamos...) pero trato de ser auténtica na miña vida  profesional e tamén no aspecto documental da mesma, así que ahí me tedes elaborando documentos sobre supostos problemas que neste centro nen coñecemos e se se deran, non hai mais que xuntarnos un día e falar. O ano pasado xa chegaron a certo límite con Plan Dixital, que fun forzada a elaborar a pesar de que considero que na etapa infantil a presencia dixital debe ser mínima, por asuntos de maduración fisio e psicolóxica das crianzas e porque sei que xa nas súas vidas privadas, en xeral a presencia dixital é moi forte. Pero fíxen o Plan Dixital, fixen. 

Pero este ano chegou a gota que colmou o vaso coa Programación PROENS. Quere dicir que xa non se presentan as programacións nun texto  se non a través dunha aplicación, claro, así xa non teñen que lelas, así o propio sistema as revisa automáticamente. Como será o caso  que a propia aplicación ofrece un modelo cuberto que eu só tería que entregar, porque tratar de facelo con rigor é unha tarea infinita, e para infantil, para un infantil ben traballado, simplesmente imposible. No modelo que propoñen xa veñen unhas lindas Unidades Didácticas que nada que ver teñen coa nosa Moura, coas nosas saídas á Fonte, cos nosos obradoiros, Mercurio, Montescola, etc, pero nada pasaría se eu entrego unha programación completamente falsa, con tal de que  cumpla os stándares, Así me borregaba o inspector cando trataba de explicarlle por teléfono que non ía a presentar PROENS.  Non sei cando voverá a atacar o citado señor,  pero non a penso entregar, eu aprendo ao meu alumnado a ser íntegro nos seus áctos e entregar un documento falso menoscaba a miña dignidade profesional eu defendo a miña forma de traballar diante de quen faga falta porque creo nela e ampárame a  pedagoxía. Hai que por límite á burocracia deshumanizante de que somos obxecto. Bueno, isto tamén baixa o ánimo para andar a facer reflexións sobre os momentos educativos.

E tamén hai que dicir que a nivel persoal e familiar (a parte de que os anos vanse cumplindo un a un) hai momentos máis e menos inspiradores e para mín este tempo non está sendo facil. 

Todo abunda  e todo explica este "descanso" na publicación do blog. Todo apunta a que este ano centrarei as miñas enerxías en atender o mellor posible ao grupo e deixarei a literatura pedagóxica e as reflexións sobre o sistema educativo para outro intre máis propicio, así que, desculpade entón esta falta de actualización dos recados da Moura en agardade outros tempos mellores. A vocación e a profesionalidade continúan, o esforzo por facer un traballo digno e ofrecer aos meus usuarios a mellor calidade de atención tamén, todo está ben, só hai que focalizar e soltar tareas secundarias.

Sempre á disposición de quen me precise, quedamos para a próxima

Ningún comentario:

Publicar un comentario