Como queira que nunca a satisfacción é completa, a alegría e realización profesional que sinto ao velos xogar, brincar, gozar no monte, en definitiva, medrar sans, é opacada pola dúbida acerca de se é ou non seguro ter feito este chamamento (privado) aos encontros ao ar libre.A Montescola de Taboexa reúne unha manchea de crianzas no que chamamos Fonte da Moura (da Cabreira), un espazo do Monte Comunal, acondicionado pola colaboración entre Escola, Concello e Comunidade de Montes dende hai uns anos, cando a Moura deixou alí a primeira mensaxe, o primeiro agasallo, o primeiro engado
para as meniñas, para impulsar a emoción da maxia e o xogo, o coñecemento da contorna e a súa valoración. Durante anos subimos á Fonte na procura de Mouri, nos nosos enredos coa Moura, ou simplesmente para desfrutar do espazo, Gostaban as crianzas e a mestra moito do monte porque, como din as expertas, o monte ofrece a estimulación exacta adaptada a cada persoa e cada estado de ánimo, na natureza podes descansar, correr e brincar, ler, observar un bicho, rubir unha árbore, a natureza acóllenos a todos en amorosa aperta, agasállanos súde e benestar, condicións para un cerebro san e motivaado a aprender.
Nunca imaxinamos que a Fonte da Moura sería o que nos salvaría do absurdo do alongamento do confunamento da escola, nunca pensamos que estabamos a preparar unha experiencia tan marabillosa, Mouri fuxíu (outravolta, sempre o fai, pero esta vez con maior motivo, pois ten medo ao coronavirus, ela non acepta ser unha moneca, pénsase nena humana) e andamos á súa procura; cada dia unha excursión, cada día unha aventura, hoxe o coto Morgallón, e mañán os muíños da Cabreira, os petróglifos da Coutada ou o Coto da Escola Vella. Cada día unha pista que nos achega ao final, que se fai de rogar, a Raposa tamén nos axudará a topar a Mouri, e con ela o tesouro da súa Nai, a Moura, a gardiá do Monte, cunha Xoia especial para os meniños que deixan atrás Taboexa como se deixa unha etapa na vida.
Unha manta, unha maleta con contos e rotuladores, o corno de chamar á Moura e tazas para beber, non precisamos máis para que o espíritu infantil floreza e se alivie do encerro soportado nos últimos meses, que linda compensación polo sufrimento aturado!
Pero unha sombra sempre planea enriba de tanto gozo. A posibilidade dun contaxio, a responsablidade do posicionamento, a elección entre o risco da vida e a seguridade do encerro, quén tomará decisións sobre a vida das nosas crianzas? Cando lles deixaremos voltar á súa natureza alegre e expansiva? O que non decide non falla!, a dificultade estriba en tomar decisións e exporse ás consecuencias.
Quén acerta? o que da o paso adiante ou o que queda quieto? Non o saberemos, só nos queda, despois de tomar unha decisión, aceptala e aceptarnos, respectar as dos outros e comprender que, como a Natureza, e como parte dela, a comunidade humana está conformada por diferentes formas de pensar, de entender e de actuar , todas necesarias e útiles ao propósito global de facer día a día unha sociedade mellor.
el aire libre,aliado para la vuelta al cole




Ningún comentario:
Publicar un comentario