luns, 7 de outubro de 2024

a mellor excursión posible

O venres pasado o cole de Rubiós convidounos a acompañalos á súa excursión. O plan era ir apañar as mazorcas ao campo e levalas a moer ao muíño, Excitante! cómo resistirse?, tiña todas as condicións para ser a excursión perfecta, e así foi:

Ir camiñando. A pesar de que esta premisa deixa fora destinos afastados altamente interesantes, hai que dicir que as excursións á contorna próxima comportan un grao mínimo de estres organizativo (menos estrés = máis disfrute), polo demáis andar os carreiros da aldea é unha alegría, o feito de camiñar en grupo e tan enriquecedor coas crianzas que topan obxectos de interés a cada paso: un becho, unha pranta, lixo deitado, ai! aquela sola do zapato, canto deu de sí para imaxinar! pasear entre a veigas e as casas e un derroche de estímulos sans para a nsoa cativada. Coñecer e valorar a contorna é obxectivo educativo, nas excursións a pé conquires ese obxectivo sen facer nada, só camiñar e deixarse levar pola enerxía infantil, que tan ben marca o camiño.

Interaccionar coa veciñanza. Pero que ledicia colectiva encontrarnos vellos e crianzas, eu percibo claramente a dedicación e o agarimo que poñen as persoas maiores cando se encontran coa cativada, porque o noso alumnado ten o superpoder de inspirar tenrura alá por onde pasan. E eses momentos de encontro son verdadeiramente emocionantes. A profesora reflexiona e debulla as sensacións, pero o que non o fai tamén tira partido sen sabelo: as crianzas. Se non conto mal foron 6 persoas comprometidas coa nosa actividade, entregadas con alegría para o beneficio da cativada, Entregando o seu tempo e o seu esforzo a prol dos meniños da aldea, é tan emocionante...

O millo: O millo que tanta fame quitou aos nosos ancestros, o millo que nos criou, o millo que estes pequechos esfollaban alegremente na finca e debullaban na aula, o millo que saía en forma de fariña entre a moa rebuldeira e o pé, e o muiñeiro explicando todo o proceso cheo de fachenda e xenerosidade, e a muiñeira atenta a todos os detalles e coidando de todos. E a visita ao inferno, onde a o rodício xiraba con furía pola forza da auga, todo tan impactante!

Non sei canto aprenderon ese día as crianzas, non sei como interiorizaron nas súas estruturas cerebrais en deesenvolvemento a mecánica da moenda, Pero non teño ningunha dúbida de que algo quedou ben gravado no seu interior:

    que na súa contorna hai elementos de interese para coñecer

    que as persoas maiores teñen saberes importantes que paga a pena escoitar e continuar

    que os alimentos saen do traballo na terra, que a nosa saúde ven da terra.

E por todo iso honramos a aldea que nos acubilla os maiores que nos coidan, a terra que nos da de comer e os alimentos que dela saen para soster as nosas vidas.

E todo iso a custe 0

Este tipo de excursións debían ser obrigatorias en toda a primaria, unha ao mes: o millo, a vendima, a topografía, os comercios, artesáns e industrias da zona, a flora, o monte en xeral, a gandeiría de proximidade, o tratamento do lixo...creo que en linguaxe escolar poderíamos chamarlle: Coñecemento (e por tanto respecto e valoración) do medio, ah, que xa hai unha asignatura con ese nome! ah, que xa teñen o libro e así xa non teñen que sair da aula, non vaia a ser que lles pase algo, ai ai ai, que preguiza!

Bueno voltemos ao pasado venres e saboreereemos o regusto doce que nos deixou á excursión a que nos convidou á escola de Rubiós, así que agradecida á súa mestra Patricia e as persoas que colaboraron para facela posible.

Ah e .... a ver se o próximo ano podemos facela en Taboexa, ou será que nós non temos millo?


decreto 150/2022 do currículo da Educación Infantil en Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario