luns, 23 de marzo de 2020

Linguaxe e movemento (1) O movemento


O confinamento ofreceume a ocasión de profundizar las teorías de Tamara Chuvarovsky, pedagoga terapèutica e mestra de Infantil pola Pedagoxía Waldorf. Hai anos que coñezo as súas teses e os seus xogos de dedos, pero agora toca aprender e comprender mais a fondo.
É tedioso, cansado e desmoralizante  ter que estar permanentente xustificando o porqué dunha proposta educativa diferente da convencional. Os últimos avances científicos (neurociencia) avalan a acción pedagóxica baseada no xogo, as emocións e o movemento. Mesmo as indicacións oficiais (currículo de Infantil, 1)) o fan. Máis a
práctica educativa na meirande parte dos centros segue a sentar ás crianzas diante de fichas
inútiles e desgastantes, estragando un tempo precioso no que deberían estar entregadas ao xogo e o movemento. A sociedade contáxiase desa idea equivocada de que canto antes, mellor,canto antes lea, mellor. Non, cada cousa ao seu tempo e ao tempo de infantil correspóndelle o xogo e o movemento, alo menos unha gran parte do seu tempo. É cansado pero mesmo cansada seguirei a proclamalo. É non se me malinterprete entendendo que a Escola de Taboexa é un caos onde cada quen fai o que quere en todo momento sen ter en conta aos demáis, non. A Escola de Taboexa ten límites claros e precisos que todos respectamos, así a nosa convivencia é harmoniosa e ordenada.

A importancia do movemento no desenvolvemento integral das crianzas de 0 a 6 anos
Quen visite a Escola de Taboexa podera observar que o espazo e os materiais están dispostos para favorecer a experiencia sensorio-motriz.  A aula anexa e o patio dan boa conta disto ofrecendo posibilidades de movemento e desafíos físicos nos límites da normativa (compriría preguntarse qué é o que quere a toda costa evitar a normativa, os accidentes ou a responsabilidade civil do sistema perante eles?) Sen movemento non hai desenvolvemento do cerebro, sen riscos non hai cálculo efectivo de posibilidades de acción.  
Un bebé presenta movemento continuo dende que nace, primerio dunha forma reflexa (succión, prensión, marcha...2)), e pasando pouco a pouco a unha forma controlada, obedecendo así ás ordes do cerebro, ao principio desordeadamente, e despois de xeito preciso.  Lévalle anos a unha persoa ter un control sobre o movemento de todas as partes do seu corpo, se cadra é o traballo que corresponde aos primeiros 6 anos de vida. O movemento activa o cerebro e é a ferramenta do ser humano recién nacido para guiar o seu propio desenvolvemento.
E como na etapa infantil as experiencias corporais son experiencias existenciais (mira o que sei facer!, dí un neno todo fachendoso), o control do movemento, dá ao neno unha impresión de competencia que impulsa a súa autoestima. O control físico, vai impulsar o autocontrol e todas as súas facetas.
O movemento incontrolado ou o desequilibrio indícannos a falta de control ou o desequilibrio interno. Se un neno non é quen de imitar un movemento controlado (3) debemos facerlle propostas de movemento de dificultade menor, así, dando un paso atrás o movemento mais sinxelo implusará as conexións cerebrais necesarias para o movemento mais difícil. Lembremos que escribir consiste, en parte, nun movemento extremadamente controlado, coordinado e sutil, do pulso, a man e os dedos.
Tamara Chuvarovsky afirma que para que o cerebro poida atender a outras operacións mentais no exercicio da escritura (decisións sobre qué letra escribir sucesivamente), o movemento da man (pulso e dedos) ten que estar integrado, automatizado. Isto será posible cando se dea unha determinada maduración do cerebro e o corpo (4), e esta madureza é impulsada polo movemento en sí.
Ao moverse,  unha crianza activa o seu cerebro ao mesmo tempo que  ofrece valiosa información sobre o seu estado de madurez e preparación para a aprendizaxe.
Os xogos de dedos axudan a un neno que está fora de sí, descontrolado, a controlarse,e axudan ao que está demasiado en sí,a sair e mirar cara o exterior.
Unha vez o movemento está integrado (non require o 100% da atención) a crianza pode atender a outros estímulos. O desenvolvemento da linguaxe vai entón, a expensas do desenvolvemento da habilidade de control corporal (incluímos lateralización e equilibrio), e o desenvolvemento do pensamento vai paralelo ao da linguaxe. Así  se activa a infrestrutura cerebral que capacita  a unha crianza a aprender. A ler e a escribir, a sumar… o que sexa.
Os xogos de dedos involucran movemento e linguaxe. Falarei da linguaxe na seguinte publicación.
Falarei tamén sobre os hitos de madurez ou os indicios de que un nenos está madura para a lectoescrita.
E finalmente, farei unha publicación sobre os xogos de dedos, serán 4 en total, espero que sexan útiles.
..................................
(1) Currículo de infantil: tédelo no enlace á marxe dereita do blog :Lexislacion infantil en Galicia
(2) Xogos de dedos



Ningún comentario:

Publicar un comentario