sábado, 14 de novembro de 2020

no tempo elástico agroman as árbores en Taboexa

A pandemia  deixa ao seu paso dor e sufrimento, non se obvia ese aspecto, faltaría máis, non son unha inxenua, pero o confinamento da pasada primaveira deixou tamén grandes oportunidades para vivir o tempo dun xeito xa case esquecido na nosa sociedade occidental, sí, a do benestar...o confinamento da pasada primaveira forzounos a parar o activismo absurdo e descontrolado e a descubrir no fondo do silencio e a calma, un pouquiño máis, a nos mesmos.

Así que, todos os venres da era confinada eu, a responsable da escola, co correspondente salvoconducto , viaxaba ilusionada a Taboexa, (qué linda excursión) para verificar que as dependencias escolares estaban en perfecta orde, atender ao persoal do Concello ou a familias que precisaban material escolar ..., pero sobre todo, para, acariciada polo Trópico Utópico, cortar e serrar, medir e lixar, subír, baixar, aparafusar e desparafusar nun baile infinito coas pezas de piñeiro. A noite sempre me sorprendía canasada e satisfeita. Marchaba por unha prudencia que rememoraba pasados todavía presentes en Galicia e en España. Marchaba imaxinando que o venres seguinte traería esta  ferramenta e remataría estoutra pola.

Pedro Sanchez a prorrogar o confinamento e eu aliviada porque non daba concluído. O tempo era todo meu, todos esforzos requeridos foron concedidos sen dubidar. Ate que rematou o tempo de goma, Chegou o verán e a árbore finalmente agromou na parede branca, era espectacular, non tanto porque a obra sexa máis ou menos meritoria, que o é, se non porque encarna aquelas sensacións dos venres do confinamento.

Non houbo inauguración con festa nen crianzas que lle deran sentido á obra, non houbo palabras de agradecemento para quen dalgún xeito animabao traballo, alí quedou o probe do pau, desconcertado, algo tristeiro, arelando a enerxía infantil a rubir por ela dándolle sentido de vivir ...chegou o verán e pasou deixando cicatrices nas polas que secaron aos dous lados das xuntas tan mimadas...

Pero chegou o Outono e trouxo a Cleo, que encheu de savia feliz á nosa árbore nacida do tempo de goma, Cleo é nena de monte, os desafíos físicos empodéranna e a árbore suxeríulle aqueles movementos que eu imaxinaba cando cortaba e serraba, cando medía e lixaba...

Achégase un novo inverno e trae promesas de novos encerros, pero esta vez sen árbores sen Tròpico Utópico, sen tempo elástico e sen a inxenua ilusión de que a distopía tiña un fin á vista.

Pero mentres haxa Cleos que gapeen ás árbores (e de preservarlles ese dereito ocúpome eu) teremos garantida a alegría, alo menos os que temos a fortuna de vivir unha boa parte do noso tempo, elástico ou non, mergullados na máxica enerxía das crianzas.








Ningún comentario:

Publicar un comentario