venres, 28 de xuño de 2024

30 de xuño, 21 horas

30 de xuño 21 horas. É preciso pechar o curso, actualizar as matrículas para o vindeiro, facer a memoria, despedir o blog, despedir o blog, despedir o blog, pechar esta manchea de pensamentos arredor da infancia e a educación infantil que  asemella máis crianza que educación porque unha cousa non vive sen a outra  cando falamos de meniños e meniñas tan pequenos. Non 

nos poden encasillar pois a natureza dos seres humanos neste estadio de formación rebenta calquera estrutura excluínte.

Non son quen de despedir o blog sen contar que sí! que topamos a Mouri na Cova, o Tesouro da Moura, que A Raposa Raquel Queizás axudounos a dar con él como todos os anos, que subimos ao faiado do cole a ver os morcegos e os ovos de curuxa, que víu Kiti coa súa zanfona a encher de sons antergos o noso curruncho, que fomos apañar as herbas de San Xoán con Lorena do C Cultural, que fixemos o lume novo e alí queimamos o vello escrito ou debuxado nun papeliño, que recollimos o material todo das estanterías para que Ana a limpadora poida facelo a fondo, que fixemos o picnic de despedida do cole,que durmimos unha noite no Monte Sanomedio...Quixera ter palabras bonitas, profundas, pedagóxicas e humanas para cada unha destas aventuras que relato, as que quedaban por facer, pero xa non hai folgos nen inspiración, só cansancio e necesidade de pechar este ciclo.

Agradecida me sinto, sobre todo e moi de corazón,  de que o curso transcurrira sen incidentes importantes, de que todas as crianzas están ben, e tamén de contar con familias que apoian o proxecto así fanno posible.

Seguimos loitando dende aquí dende este currunchiño no mediodo monte galego por un ensino de calidade para todas as crianzas, con novos folgos renovados voltaremos en Setembro e arrincaremos unha nova singladura, até entón feliz verán a todas as crianzas e familias !










Ningún comentario:

Publicar un comentario